"Mínimos inaceptables" de persoal na asistencia á saúde mental en Galicia
Unha soa profesional debe atender no turno de noite as 17 persoas ingresadas na unidade psiquiátrica do Hospital Nicolás Peña, de Vigo.
Campaña contra o peche de camas, do MGSM. //Foto: facebook MGSM
O Movemento Galego da Saúde Mental denuncia os "mínimos inaceptables" de persoal cos que conta a Unidade psiquiátrica do Hospital Nicolás Peña, do Complexo Hospitalario de Vigo. Así, contan que unha soa profesional queda no turno de noite para atender as necesidades "das dezasete peroas ingresadas".
En abril, profesionais asistenciais adscritos ás unidades psiquiátricas dirixíronse á Xerencia da Área para lle expoñer a situación, pero "a súa solicitude foi contestada negativamente", tal e como informa o MGSM nun comunicado. Os argumentos da Xerencia baséanse na "existencia dunha base do 061 próxima e a presenza pola noite de máis persoal sanitario no conxunto dese hospital".
Deste xeito, lamentan que non mantivesen "nin sequera unha entrevista cos once profesionais que fixeron a solicitude" para escoitar as súas propostas. Para o movemento, "é de sentido común contar con, cando menos, dúas Técnicas en Coidados Auxiliares de Enfermería", ao considerar "imposible que unha única profesional poida desempeñar o seu cometido nesa Unidade Residencial coas adecuadas esixencias de seguridade", tanto para os pacientes como para os profesionais.
O MGSM recorda que "Galicia xunto con Ceuta son os territorios con peor saúde mental de España", un feito que ligan á "realidade asistencial". "Iso non debe extrañar a ninguén cando as dotacións profesionais son como as que aquí se denuncian: mínimas", rematan.
Escribe tu comentario