O Sergas dá os primeiros pasos para deseñar o Plan de Prevención do Suicidio
A Consellería convocou a primeira xuntanza dun grupo de traballo formado por profesionais de distintas especialidades sanitarias e de asociacións de saúde mental.
O Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) anuncia que, desde a semana pasada, está en marcha a formación pola Consellería de Sanidade do grupo de traballo que deberá elaborar o Plan de Prevención do Suicidio. A plataforma felicítase por conseguir que a Xunta recoñeza a importancia do problema e "asuma" a busca de solucións.
A través dun comunicado, o MGSM lamentan "tres anos perdidos e tantas propostas rexeitadas", pero salientan que "foi e será un esforzo útil". "De seguro que a convocatoria deste grupo é consecuencia do traballo da xente", que, anuncian, non afrouxarán, "ata ter un plan que siga as orientacións da OMS".
Á primeira xuntanza dese grupo están convocados os xefes de servizo de Psiquiatría do SERGAS e outro de Atención Primaria, o xerente de FEAFES, a directora do IMELGA, o director do 061 e dous facultativos máis das EOXI de Ourense e Santiago.
A plataforma atribúe o cambio de posición do Executivo á campaña reivindicativa e de sensibilización 'Badaladas pola prevención do suicidio', unha "chamada" que foi "engadindo xente, organizacións, institucións..." e que recibiu tamén o apoio de SOS-Sanidade Pública.
"Imos ver cara onde se quere ir dende a Consellería e cal é o seu grado de xenuíno compromiso máis alá das circunstancias electorais", advirten.
Escribe tu comentario