Luís Villares: "As Irmandades da Fala foron a primeira marea galeguista"
O voceiro de En Marea di que "a crise foi a escusa para un cambio de modelo" e que "as políticas de benestar quedaron destruídas".
O voceiro de En Marea comezou o seu discurso reivindicando que "as Irmandades da Fala foron a primeira marea galeguista" e facendo referencia ás palabras de Feijóo do martes, que sostivo que os 'pecados' da pasada lexislatura os perdoaron as eleccións. A Luís Villares, este borrón e conta nova non lle serve, e comezou criticando os recortes e a desigualdade.
"A crise foi a escusa para un cambio de modelo" marcado desde a Troika, denunciou, incidindo en que "o modelo social e as políticas de benestar quedaron destruídas". Atribuíu esta situación á "deshumanicación" da política.
Tamén reprochou que Feijóo non fixese no seu discurso unha "diagnose" da realidade galega e permitiuse facer él o balance dun goberno que "deixa inestabilidade social despois de oito anos de estabilidade parlamentaria".
CHEQUE EN BRANCO
O portavoz parlamentario de En Marea, Luís Villares, lembroulle ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, que a maioría "non é un cheque en branco nin unha tarxeta black" e afeoulle o "rastro" dos seus pecados "non expiados", como "o paro, a exclusión social, a desertización do rural" ou "a desigualdade".
Na súa réplica á intervención de Feijóo durante a segunda sesión de investidura, Villares falou da "Galicia real" da que "se esqueceu", ao seu xuízo, o candidato á Presidencia no seu discurso. "A realidade é outra e evidencia o paradoxo dun mal xestor: a economía galega sae da recesión pero a sociedade galega segue en crise", manifestou.
Así mesmo, despois de que o pasado martes Feijóo rexeitase a confrontación no Parlamento, Villares acusou ao dirixente popular de querer "un país sumiso e silencioso" e deixoulle claro que En Marea estará "na rúa e no Parlamento" para loitar por "un país xusto".
RÉPLICA
Villares, o terceiro en intervir antes da dúplica de Feijóo, foi duro especialmente no tocante ao autogoberno e as caixas galegas. O voceiro de En Marea cuestionou o papel de Feijóo no tocante ao primeiro: "se o presidente do goberno galego non está preocupado por ter máis autogoberno, non sabemos que presidente é este". Afeoulle tamén que o modelo de autofinanciamento non se negociase nos últimos catro anos "mentres tiñan o seu goberno 'amigo' en Madrid".
O voceiro de En Marea pediu tamén que "se van abrir o tema das caixas, abran tamén os caixóns onde teñen toda a documentación sobre a fusión das caixas".
Villares instou a Feijóo a non autorizar "a venda 'despedazada' de Ferroatlántica para que un fondo de inversión especule cos nosos recursos".
Ademais, cualificou de "decomiso" a retirada da paga extra dos funcionarios, para a continuación tildar esta medida de "expropiación dos salarios, non para investir ese diñeiro nos servizos públicos senón para o rescate dos bancos".
O voceiro de En Marea finalizou recordándolle a Feijóo que "se está tan comprometido coa violencia machista, expulse a José Manuel Baltar do PP de Ourense".
Escribe tu comentario