O 70% dos galegos, a favor de que as empresas teñan que ofrecer plans de pensións
Co peto das pensións en mínimos, máis da metade pensa que debería ser obrigatorio tamén aforrar parte do salario para a xubilación, pero non o poden asumir.
Co peto das pensións en mínimos, o 56% dos galegos estaría a favor de que parte do salario se destinase de maneira obrigatoria ao aforro para a xubilación. Ademais, o 69,8% pensa que as empresas deberían ofrecer obrigatoriamente un plan de pensións complementario para os seus empregados.
Estas son algunhas das conclusións principais que se desprenden da terceira edición do estudo 'Os españois ante o aforro, a xubilación e o risco', elaborado polo Instituto Aviva e Aviva Vida e Pensións, e que analiza a percepción e expectativas dos cidadáns respecto da calidade de vida que terán durante a súa xubilación.
Unha das opcións que valorarían os cidadáns nun futuro para poder complementar os seus ingresos é a xubilación parcial ou flexible. Aínda que só ao 25,9% dos galegos lles gustaría seguir traballando a tempo completo máis aló da idade de xubilación, ao 68,7% si lle gustaría compatibilizar o cobro da pensión cun traballo a media xornada, unha cifra superior á media estatal (67,3%).
Doutra banda, un 87,7% cre que a idade legal de xubilación seguirá aumentando máis aló dos 67 anos, sendo unha das comunidades autónomas máis pesimistas neste sentido. De feito, hai un 33,9% que opina que se retirará a partir desa idade.
"Para evitar esta situación, os cidadáns popoñen o aforro finalista como algo fundamental e cada vez están máis concienciados respecto diso", segundo resalta o instituto. Con todo, un 36,6% afirma que non aforra para a xubilación porque non o pode permitir, mentres que outro 17,9% non aforra actualmente, aínda que ten previsto facelo no futuro.
Segundo arroxa o estudo, os galegos estiman que a súa pensión superará os 970 euros de media, o que supoñería un 11,5% máis respecto da pensión media actual da comunidade (870 euros).
Aviva advirte que hai que ter en conta que a partir de 2019 empezarase a aplicar o factor de sustentabilidade, o cal axustará as contías das pensións á esperanza de vida. Con todo, aínda a metade da poboación de Galicia (46,6%) descoñece que este factor influirá na futura cantidade que percibirá.
Á luz destes datos, un 71,4% dos galegos recoñece que non sabe como se calcula a contía da pensión pública e descoñece que parámetros inflúen nese cálculo. Ademais, ata un 94,8% dos enquisados considera que o goberno debería informar por escrito a cada cidadán sobre a estimación da pensión que recibirá unha vez se xubile.
Escribe tu comentario