O 75% de lumes da década foron intencionados en Galicia
Feijóo esgrime que as "dificultades" de Portugal para controlar algún incendio provocou que Galicia se vise afectada.
Tres de cada catro incendios (o 75 por cento) rexistrados en Galicia en 2016 foron intencionados, unha porcentaxe superior en máis de dez puntos á media estatal, e en 2016 a intencionalidade situouse por encima do 73 por cento. No que vai de ano, ademais, a comunidade superou as 20.000 hectáreas queimadas (20.347), máis de 9.000 de monte arborizado.
Na análise de lumes da última década, constátase tamén que o 30 por cento iniciáronse de noite, un 8 por cento empezou con máis dun foco de forma simultánea, e que o 14 por cento dos incendios concéntranse nas 67 parroquias coñecidas como de alta actividade incendiaria, a pesar de supoñer só o 3,6 por cento da superficie de Galicia.
Son os datos que se desprenden dun informe analizado este xoves polo Consello da Xunta, dos que se fixo eco o presidente galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, quen subliñou que en Galicia hai "unha maior intencionalidade e actividade delituosa". "Esta é a crónica", subliñou, aínda que falta pescudar as causas.
Respecto diso, apuntou que os datos deste informe serán trasladados "á comisión que estuda os incendios, xuíces, fiscais e autoridades" para contrastar a súa experiencia e tratar de "construír as causas" para poder mellorar a actuación.
Ademais, subliñou que neste ano, a Garda Civil, os Axentes Medioambientais e a Policía Autonómica investigaron na comunidade a 68 persoas pola presunta autoría de 114 lumes forestais.
"DIFICULTADES DE PORTUGAL"
En canto ao último balance do que vai de 2016, a pesar de "superar" as 20.000 hectáreas, subliñou que houbo un menor número de lumes.
Tamén incidiu en que Galicia viviu "o verán máis seco desde que hai rexistros" e apuntou como problema engadido que Portugal tivo "dificultades" para controlar algúns incendios dos que afectaban o seu territorio e acabaron afectando á comunidade.
ACTUACIÓNS DE RECUPERACIÓN
Por outra banda, o informe resume tamén a situación das actuacións que se están desenvolvendo para recuperar os terreos queimados polos incendios do pasado verán nos 12 incendios máis importantes nos que houbo que decretar a situación 2 pola súa proximidade a núcleos de poboación.
Destes incendios, seis rexistráronse en Ourense --Avión, Boborás, Entrimo, Melón, Monterrei e Muíños--; cinco en Pontevedra --Arbo e As Neves, Caldas de Reis, Catoira, Cotobade, Redondela e Soutomaior-- ; e un na Coruña (Porto do Son).
As actuacións céntranse na restauración e consolidación dos terreos con tratamentos para evitar a erosión: labores de repartición de palla sobre o terreo queimado, traballos de recuperación de infraestruturas, control de riscos hidrolóxicos erosivos, eliminación de madeira queimada, e accións de rexeneración da vexetación afectada.
Ata o momento, xa se actuou con técnicas de repartición de palla en máis de 95 hectáreas, colocáronse máis de tres quilómetros de barreiras filtrantes para evitar arrastres aos ríos e ao mar, limpáronse uns 20 quilómetros de pistas e iniciouse a reparación de máis de 16 quilómetros de infraestruturas.
Escribe tu comentario