O BNG homenaxea a "loita fronte ao caciquismo e o centralismo"
En oposición á Hispanidade, celebra en Porto do Son un acto de recoñecemento a 5 labregos que morreron asasinados pola Garda Civil.
Decenas de persoas participaron nun acto de recordo aos chamados 'mártires de Nebra', cinco labregos asasinados pola Garda Civil que loitaron contra o pago inxusto e discriminatorio de impostos ao Estado español en 1916.
O acto, organizado polo BNG, celebrouse ás 18.00 horas en Cans-Nebra, no municipio coruñés de Porto do Son e cando se cumpren cen anos dos sucesos nos que tamén resultaron feridos de bala unhas 32 persoas.
Alí estiveron presentes tanto familiares como veciños das vítimas, onde se celebrou unha ofrenda floral e intervencións públicas de homenaxe para "recuperar a memoria colectiva" deste episodio de resistencia "ao caciquismo e o centralismo".
O BNG impulsou esta conmemoración en oposición aos festexos da Hispanidade, unha xornada que a formación non recoñece, difundindo o evento a través das redes sociais co hashtag #nadaquecelebrar.
Escribe tu comentario