#Claves de la semana

​Jorge Suárez presenta a remodelación do goberno de Ferrol

Esperará ata este venres ou o vindeiro luns para decidir se as concelleiras María Fernández Lemos e Rosa Méndez, que se presentaron pola lista do PSOE, manteñen as súas competencias. 


|

Jorgesuarez4


O alcalde de Ferrol, Jorge Suárez (FeC), reiterou que esperará ata este venres ou o vindeiro luns para decidir se as concelleiras María Fernández Lemos e Rosa Méndez, que se presentaron pola lista do PSOE e que son contrarias á xestión de Beatriz Sestayo, "manteñen as súas competencias no goberno", unha decisión que está condicionada "aos tempos de Partido Socialista, respectando as súas arbitraxes e mecanismos estatutarios" e tendo en conta que, ademais, "non renunciaron á súa acta".


O rexedor de Ferrol en Común realizou estas declaracións tras manter a media mañá deste xoves unha xunta de portavoces na que lles deu traslado aos grupos con representación neste Concello da reorganización do seu executivo, tras a saída a principios da semana pasada de tres dos cinco concelleiros do grupo socialista, co que mantiñan un bipartito.


Suárez asegurou que unha solución para as actuais edís de urbanismo e zona rural é que "ambas pasen ao grupo de non adscritos", desde onde "manterían as mesma competencias que viñeron desenvolvendo", no caso de que a executiva que lidera Xulio Sancristán non avale as súas reclamacións.


A preguntas dos medios de comunicación, Jorge Suárez rexeitou a utilización do termo tránsfuga para as edís María Fernández Lemos e Rosa Méndez, xa que considera que "tránsfuga é unha persoa que cambia a orientación do goberno pasando a outro grupo e aquí non se dá este caso".


Ademais, tamén censurou que se lle "culpa" a el, "como militante de Esquerda Unida", cando se presentou "nunha lista que se chama Ferrol en Común". "Anímoos a denunciar e que se queren tamén acudan ao Tribunal da Rota --o tribunal de apelación da Santa Sé e de maior rango da Igrexa católica-- para declarar a nulidade matrimonial", ironizou.


PETICIÓN DE RECTIFICACIÓN


Pola súa banda, Beatriz Sestayo, portavoz do grupo municipal do PSOE, asegurou que tanto este grupo como a executiva desta formación política xa declarou "como tránsfugas a ambas as concelleiras que continúan no goberno e por tanto decretando a súa expulsión do grupo municipal socialista no Concello de Ferrol".


A dirixente socialista tamén asegurou que instou a Jorge Suárez a que "poña en marcha o pacto antitransfuguismo" e dixo que desde o seu punto de vista "sería lamentable e vergoñoso que o goberno de Ferrol estivese integrado por tránsfugas e apoderándose así de dúas actas de persoas que concorreron ás eleccións polo PSOE e que agora os seus electores se atopen cunha profunda deslealdade e traizón tanto por parte de quen acolle a tránsfugas como de quen o practica".


Sestayo tamén reclamou "unha rectificación por parte das dúas concelleiras para que en Ferrol non exista un goberno de esquerdas tránsfuga". Sinalou tamén que a executiva provincial do PSOE xa emitiu un informe a favor da tese que ela mantén, xa que "a agrupación socialista de Ferrol é a que ten plenas competencias para decidir os asuntos que afecten a esta agrupación e ao seu grupo municipal".


"NON ME SINTO TRÁNSFUGA"


A concelleira de urbanismo e mobilidade, María Fernández Lemos, asegurou que continúa "á espera da mediación da executiva provincial", tal e como leva facendo "estes días" e espera "que o partido se cinga aos estatutos e regulamento interno".


Ao mesmo tempo, trasladou aos medios de comunicación que "evidentemente non está penado que unha secretaria xeral dunha agrupación local se dedique a realizar declaracións en contra dunha concelleira en plena campaña electoral, sen previo aviso e sen ter ningunha queixa".


Fernández Lemos tamén asegurou que segue "traballando dentro do goberno por responsabilidade". "Xa que temos que tentar garantir a gobernabilidade", apostilou.


Tamén rexeitou que lla acuse de tránsfuga. "Eu non me sinto tránsfuga, non fun a ningún lado, manteño a mesma posición que o primeiro día que empecei a gobernar, sigo facendo o mesmo traballo, co mesmo programa do pacto de goberno, o cal non incumprín en ningún momento e eu creo que se cadra os que o incumpriron foron outros", expuxo.


NOVAS ATRIBUCIÓNS


  • Jorge Suárez, ademais da Alcaldía, tamén asumirá as concellerías de Facenda, Novas Tecnoloxías, Patrimonio e Recursos Humanos

  • Suso Basterrechea sumará a Cultura e Educación as aéreas de Deportes, Turismo e Festas
  • Luís Vitoria pasará a desempeñar as funcións de edil de Servizos, Sanidade, Mercados e Benestar Animal
  • Álvaro Montes, ás concellerías de Participación, Normalización, Seguridade e Tráfico e Emprego suma agora Promoción Económica
  • Saínza Ruiz ademais de Mocidade e Universidade, que xa tiña, suma Benestar Social, Muller e Igualdade. Por último, Esther Leira non asume novas encomendas e continúa con Obras, Vivenda, Rehabilitación, Medio Ambiente e Edusi

relacionada ​O PSOE ferrolán expulsa ás edís díscolas
relacionada ​O alcalde de Ferrol retira as competencias máis importantes a Beatriz Sestayo
relacionada As diferenzas persoais rachan o goberno de coalición de Ferrol
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE