Villares: "Que problema hai en poñerse de acordo?"
O candidato de En Marea defende as coalicións e ataca aos recortes: "Pode haber algo máis repugnante que deixar morrer a xente para cadrar as contas?".
"Pode haber algo máis repugnante en política que deixar morrer á xente para cadrar as contas?". Así se manifestou o candidato de En Marea á Presidencia, Luís Villares, este mércores, cando reiterou que Galicia "abrirá a porta á España e a Europa social".
Nun acto público celebrado ante ao redor dun milleiro de persoas en Lugo, Villares estivo acompañado polo histórico dirixente do nacionalismo galego, Xosé Manuel Beiras, e por Paula Vázquez Verao, Víctor Álvarez e María Isabel García, números dous, tres e catro da candidatura lucense.
Na súa cidade natal, Villares non quixo "dar un mitin" senón realizar "un paseo" pola capital luguesa percorrendo virtualmente "as portas da Muralla". Alí, reivindicou a ruptura das "barreiras mentais que parecían infranqueables" que significou a coalición de AGE nas pasadas eleccións autonómicas encabezada polo "mestre" Beiras, ao que entregou un autógrafo do propio portavoz de Anova que este deu ao candidato do partido instrumental no ano 1993.
Para Villares, AGE foi o "primeiro experimento de entendemento entre xente que non eran iguais" pero que comprendían que o necesario era reclamar "pan, traballo e teito". "Que problema hai en poñerse de acordo?", preguntouse, para logo indicar que En Marea "continúa" esa experiencia a través dun "proxecto político unificado, de presente e de futuro para un país", no que "se está fixando toda Europa".
"A 'troika' leva un ano calada esperando pola operación retorno dos recortes", manifestou Villares, quen cre que os poderes políticos en Europa están á expectativa do que vaia a ocorrer na política española que, á súa vez, "garda silencio a ver que pasa nas galegas". "E aquí estamos nós", exclamou.
LEI DE MEMORIA HISTÓRICA E CONCERTOS EDUCATIVOS
O cabeza de cartel de En Marea comprometeuse a, se tras o 25 de setembro o partido instrumental chega a San Caetano, "facer cumprir a Lei de Memoria Histórica" e retirar toda a simboloxía franquista de Galicia que, como lembrou, "aínda" está presente en moito lugares como o instituto onde estudou en Lugo.
Tamén reiterou que En Marea cancelará "desde o primeiro momento" o concerto aos centros educativos que segreguen por sexo porque "non respectan os valores de igualdade", do mesmo xeito que un PP que, como lembrou no duodécimo día de campaña "aínda non cesou a Baltar".
Percorrendo porta por porta a muralla lucense, Villares fixo memoria das súas vivencias na cidade que o viu nacer. Así, rememorou a "primeira vez" que saíu nun xornal. Foi nos anos noventa cando o diario El Progreso publicou unha instantánea do maxistrado en excedencia pegando un poema nun desaparecido teatro. "Ano 1994", lembrou, o mesmo ano no que "Feijóo sacaba fotos con Marcial Dourado".
"VEÑO A ESCOITAR A BEIRAS"
A anécdota da noite púxoa unha persoa que, desde o público, preguntou "ti quen es?" ao número tres pola provincia de Lugo, Víctor Álvarez, mentres pronunciaba o seu discurso. Tras este indicarlle o seu nome, o asistente ao acto indicou que el viña escoitar "a Beiras". "Pois agora vai", respondeu Álvarez cun sorriso.
"Beiras vai defraudar porque a quen hai que escoitar é a xente que traballou, á xente que puxo este país en pé, non aos cocos da universidade", respondeu Beiras ao comezo dunha intervención na que, como xa fixo na mesma cidade na campaña das galegas de 2012, volveu a acusar ao PP de "matar" por "denegar" a medicación aos enfermos de hepatite C.
Escribe tu comentario