Históricas semifinais para o basket en cadeira de rodas
O equipo de José Manuel Artacho impúxose no marcador a Alemaña (70-66) nos últimos seis minutos.
A selección española de baloncesto en cadeira de rodas clasificouse para as semifinais dos Xogos Paralímpicos de Río de Janeiro, ao impoñerse a Alemaña (70-66), nun partido no que non logrou poñerse por diante no marcador ata o últimos seis minutos.
Despois de acceder a cuartos de final como primeira de grupo con catro vitorias e unha derrota, España atopouse ante un bo escollo no seu intento de entrar en semifinais para loitar polas medallas.
Alemaña, liderada por Alexandr Halouski e Andre Bienek, dominou o partido con solvencia na primeira parte e chegou a ter unha máxima diferenza de dez puntos e de seis ao descanso (34-40).
No terceiro cuarto España mellorou algo os seus parciais con xogadores como os irmáns Zarzuela anotando baixo o aro, aínda que non foi ata o último, a falta de seis minutos, cando logrou igualar o marcador (58-58).
O capitán Asier García, tamén axudou á remontada de España, que a menos de dous minutos do asubío final chegou a ir por diante no marcador (66-62) con catro de vantaxe.
Unha perda de balón de España en metade da cancha a falta de vinte segundos permitiu que Alemaña se puxese a un punto, pero a fortaleza defensiva que demostrou o equipo dirixido por José Manuel Artacho ante o asedio xermano no momento crucial serviu para manter a mínima diferenza e ampliala con tiros libres.
Escribe tu comentario