Unha folla de ruta para dinamizar a Galicia labrega e rural o 25S
Unha comitiva entregou hoxe as propostas agrarias do SLG a Antón Sánchez, de En Marea, e xa hai confirmado un encontro co BNG para a semana que vén.
O Sindicato Labrego Galego vén de iniciar unha rolda de contactos cos principais partidos políticos que se presentan ás Eleccións Galegas do 25 de setembro para compartir con eles o que denominan "un programa de accións necesarias para termos un medio rural vivo".
O sindicato plantexará aos partidos políticos con posibilidade de obter representación parlamentaria, que se garanta no programa de goberno para o vindeiro 25S que "a agricultura, a gandería ou a silvicultura sexan motores dos espazos rurais" pois consideran que isto contribuirá a crear emprego e dinamizar a economía ao tempo que se "preserva a biodiversidade e se adopta unha alimentación de calidade".
A primeira xuntanza para compartir as propostas do SLG tivo lugar en Compostela hoxe, e nela reuníronse a secretaria xeral, Isabel Vilalba Seivane, co deputado de En Marea, Antón Sánchez García, que foi a primeira formación política en contestar ao ofrecemento feito pola organización agraria aos principais partidos que concorren aos comicios galegos. O Bloque Nacionalista Galego tamén aceptou o convite, e manterá un encontro cunha comitiva do SLG a semana que vén.
Desde o sindicato afirman que as súas propostas representan "unha alternativa ás actuais políticas agrarias" que según din, "obedecen aos intereses de grandes grupos financeiros e industriais" e van " en contra dos intereses dos labregos e das labregas", ao primar "os baixos prezos en orixe para maximizar os beneficios dos intermediarios".
Coa intención de "reverter esta situación", desde o Sindicato Labrego Galego veñen de elaborar un documento con "alternativas realistas e viables".
Escribe tu comentario