Feijóo encomia o "excelente traballo" dos equipos de extinción
O dispositivo de loita contra incendios é, para o presidente, "un dos mellores de Europa". Pide precaución: "o primeiro é a integridade física".
O presidente da Xunta reclamou "unidade, precaución e denuncia" contra quen planta lume no monte nuns momentos para Galicia que recoñeceu como "de extrema dificultade", pola "combinación de temperaturas extremas, seca prolongada, vento e incendiarios".
En declaracións aos xornalistas este martes, tras un acto en Santiago, Feijóo reivindicou, con todo, o "excelente traballo" dos equipos de extinción, "un dos mellores de Europa", e valorou os resultados como "moi razoables" en termos de superficie queimada.
"Estamos a vivir días complexos e aínda non sabemos cantos días van quedar desde o punto de vista da climatoloxía o máis adversa posible. Estamos a loitar contra unha seca prolongada, cunhas temperaturas moi altas, contra o vento, e tamén contra os incendiarios", aseverou o titular do Goberno galego.
Fronte a esta "combinación moi complexa", Núñez Feijóo admitiu que a comunidade está "a sufrir moito para tentar apagar os conatos e os incendios que se están producindo", e instou aos galegos para dar a alerta se saben de alguén "sospeitoso", xa que "o lume non se planta só" nin tampouco "se produce de madrugada" de forma espontánea.
"APOIO INCUESTIONABLE"
Con todo, Feijóo reiterou que os efectivos que traballan contra o lume "están a dar proba de que son uns excelentes traballadores, que coñecen ben o funcionamento dos lumes, coñecen ben como se van estendendo en función de como sopra o vento".
"Quero trasladar o apoio incuestionable do Goberno da Xunta a todos os equipos de extinción de lumes que temos en Galicia, por suposto tamén ao Exército que está a traballar connosco, e á Garda Civil e á Policía pedirlles que extremen todos os labores de investigación para deter os incendiarios", finalizou.
DÚAS NOITES "MOI COMPLEXAS"
A continuación, o xefe do Executivo autonómico sinalou que "se vai seguir informando con normalidade", tras dúas noites "moi complexas". Esta última, segundo apuntou, empezou con varios lumes de magnitude en Cotobade, Caldas, Mondariz e Ponteareas, mentres que na anterior, "de madrugada, aproveitando as festas de Ribeira, plantáronse en tres lugares no parque natural de Corrubedo e tamén en varias parroquias de Santa Uxía de Ribeira".
Insistiu en que os equipos contra incendios traballan "con intensidade" e aproveitou para mandar unha mensaxe aos afectados polas zonas nas que se propagan as chamas: "Quero dicirlles aos afectados dos lumes que o primeiro é a súa integridade física; ás veces desaloxamos por motivos de precaución, porque o primeiro é a integridade física e logo vén o seu patrimonio", indicou.
Despois dun mes de xullo practicamente sen precipitacións, Galicia afronta esta primeira quincena de agosto aínda "coas peores das previsións climatolóxicas, con vento, seca e temperaturas moi altas", avisou, nunha contorna na que "a actividade delituosa prosegue e insiste".
Escribe tu comentario