Os veciños de Vilagarcía puideron pasar a noite nas súas casas
Este mediodía quedou estabilizado o incendio forestal que se iniciou no termo municipal de Caldas de Reis e xa non hai risco para vivendas.
O lume que avanzou sen descanso durante toda a xornada do luns desde Caldas ata o concello de Vilagarcía quedou estabilizado este martes ao mediodía. Esta noite pasada provocou o desaloxo de veciños de Castro de Agudín e do lugar de Abelle, en Rubiáns. Neste caso, a medida foi temporal, e as familias puideron volver ás súas casas a pasar a noite.
Un dos birgadistas subiua á rede social Facebook un vídeo onde se mostra "un dos moitos momentos de tensión que vivimos onte", afirma. "Incendio de Caldas, A Brigada Alfa do Helicóptero de Campiño, primeiro escudo á fronte de cabeza entrando nas primeiras casas de Castro Agudín- A Barrosa (Vilagarcía)".
Neste incendio, iniciado en Caldas de Reis, na parroquia de Saiar, e que chegou ás 290 hectáreas, desactivouse a "Situación 2" preventiva.
Nos labores de control mobilizáronse tres técnicos, nove axentes, 23 brigadas, 11 motobombas, dúas palas, un tractor, 10 helicópteros e dous avións.
RIBEIRA
Pola súa parte, está extinguido o incendio rexistrado na parroquia de Carreira, en Ribeira, que afectou unhas 81 hectáreas, 26 delas dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo.
Escribe tu comentario