Rescatados os cinco tripulantes do pesqueiro ‘Segundo Durán’ que afundiu en Ribeira
Os cinco tripulantes dun pesqueiro que afundira esta madrugada ao leste da illa de Sálvora, na localidade coruñesa de Aguiño, foron rescatados sans e salvos.
Despois de recibir o aviso doutro pesqueiro que avistara unha bengala, e a alerta da radiobaliza do propio ‘Segundo Durán’, Salvamento Marítimo enviou un helicóptero e unha embarcación cara ao lugar dos feitos.
Non foron necesarios os medios de Salvamento Marítimo xa que outra embarcación, o pesqueiro ‘Sempre Galaico’ chegou ao lugar dos feitos e rescatou ilesos aos cinco tripulantes do ‘Segundo Durán’.
Ata o porto de Cambados desprazouse unha ambulancia para valorar o estado dos tripulantes, que non precisaron asistencia sanitaria.
Segundo informacións de última hora, o armador do pesqueiro ‘Segundo Durán’ acaba de contratar os servizos dunha empresa para tentar levar a cabo as tarefas de reflotamento da embarcación.
Escribe tu comentario