A fenda salarial entre sexos redúcese na comunidade
Os galegos seguen cobrando uns 4.700 euros brutos máis de media que as mulleres. O salario medio achégase aos 10 euros á hora.
O salario bruto medio anual en Galicia foi de 20.195,89 euros en 2014, un 1,9% máis que o ano anterior pero un 11,65% por baixo da media estatal (22.858,17 euros), segundo a enquisa de estrutura salarial publicada polo Instituto Nacional de Estatística (INE).
As mulleres presentan un salario bruto medio anual na comunidade galega un 20,92% inferior ao dos homes, de 17.797,03 euros, fronte aos 22.505,05 euros que de media percibiron ese ano os homes galegos. Con todo, o salario feminino foi en 2014 un 3,1% superior ao do exercicio anterior, mentres que o masculino reduciuse, en concreto nun 0,1%.
Por sectores, o salario bruto medio anual máis alto deuse na industria en Galicia, con 23.068,18 euros, por encima dos 20.620,14 euros da construción e 19.420,12 euros nos servizos.
ESTUDOS
En canto aos estudos realizados, os que fixeron ata educación primaria cobran unha media de 15.362,50 euros, por baixo dos que teñen a primeira etapa de educación secundaria (16.711,07 euros), os que chegaron á segunda etapa (18.996,68) e os que realizaron ensinos de formación profesional de grao superior e similares (19.941,97 euros).
Mentres, os maiores salarios brutos anuais obtivéronos os diplomados universitarios e similares (24.876,77 euros) e os licenciados e similares, e doutores universitarios (30.935,19 euros).
XORNADA, CONTRATO, IDADES E POR HORA
En función da xornada laboral, os traballadores galegos con contrato a tempo completo en 2014 recibiron uns 23.272,25 euros brutos anuais de media e aqueles a tempo parcial, 8.989,23 euros. Os profesionais contratados con duración indefinida tiveron soldo medio bruto anual de 21.591,54 euros e os de duración determinada, 15.229,30 euros.
As idades tamén inflúen: a media é inferior aos 11.539,30 euros para menores de 25 anos, está en 16.311,59 euros para persoas entre 25 e 34, en 20.342,08 entre os que teñen de 35 a 44, en 22.360,79 no grupo que vai de 45 a 54 e é de 23.483,49 euros para os maiores de 55.
A ganancia media por hora traballada en Galicia en 2014 foi de 10,14 euros, de 10,48 na industria, de 9,43 na construción e de 10,11 nos servizos."
Escribe tu comentario