Gadis percorreu máis de 30 localidades para promover o consumo saudable
Unha exposición itinerante que rematou este mércores achegou á cidadanía consellos e ferramentas para que a compra contribúa á saúde persoal e ambiental.
Gadis finaliza en Santiago unha campaña itinerante de concienciación sobre o consumo responsable e hábitos de alimentación saudables entre a poboación de Galicia e Castela e León, que chegou a preto de 30 localidades e miles de persoas de ambos os territorios.
Subimos ao tráiler instalado na Alameda compostelá coma un visitante máis para que nos explicasen os consellos que traladan á cidadanía. Dentro, a coordinadora da exposición contounos que o 42% do desperdicio anual de alimentos prodúcese nas casas, por dous motivos fundamentais: por unha mala conservación ou porque tendemos a comprar demasiada cantidade. Así, a primeira recomendación é clara: "planificar a compra" para evitar que parte da comida acabe no lixo. Comprando menos cantidade, pero máis habitualmente "os alimentos están máis frescos, saben mellor e conservan mellor as súas propiedades".
Tamén pretenden con esta camapaña que tomemos consciencia das vantaxes de "consumir dunha forma máis ética", pensando en que a orixe próxima dos produtos que compramos "reduce o impacto ambiental e contribúe ao emprego e a riqueza local".
Así, animan ao consumo de produtos frescos, locais e de tempada. Para axudar, contaron cun panel informativo que indica as datas propias da para os distintos tipos de froitas e verduras máis habituais.
Con estes consellos e coa recomendación do exercicio físico moderado realizado de forma frecuente, evitaremos "enfermidades relacionadas co sedentarismo e con hábitos de vida pouco saudables".
O trailer despídese despois de pasar pola Coruña, O Burgo, Betanzos, Ferrol, Cee, Carballo, Ribadeo, Viveiro, Vilalba, Lugo e Monforte, Valladolid, Medina del Campo, Salamanca, León, Ponferrada, Silleda, Verín, O Barco, Carballiño, Lalín, A Estrada, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo e Noia.
Escribe tu comentario