Cae unha rede que falsificaba títulos náuticos
Hai 64 persoas detidas, algunhas delas, residentes en Pontevedra. Convalidaban títulos falsos obtidos no estranxeiro.
A Garda Civil, no marco da operación 'PROA', desenvolvida en Melilla, detivo 64 persoas como presuntas autoras de delitos de falsidade documental que cometerían con titulacións náuticas. As expedicións destes títulos facíanse nunha escola náutica de Melilla, e púidose constatar un total de 72 convalidacións realizadas durante os anos 2010 e 2011, todas elas a persoas de nacionalidade española que residían nas provincias de Pontevedra, Barcelona, Las Palmas de Gran Canaria, Badaxoz, Ávila, Barcelona, Alacante, Madrid e Málaga, entre outras.
A investigación iniciouse grazas a que unha persoa avisou á Garda Civil da existencia dun individuo, residente en Málaga, que estaba a ofertar rutas turísticas en barco por distintos lugares da costa malagueña e que supostamente conseguira a titulación de capitán de iate de forma fraudulenta en Melilla. Froito desta información, os axentes puideron constatar a existencia dunha rede composta por catro persoas presuntamente encargadas de manipular e falsificar -previo pago de diñeiro- as titulacións náuticas estranxeiras por titulacións nacionais, na súa categoría máis alta de capitán de iate.
Segundo informa o Instituto Armado, as persoas ás que se lles validaba o título chegaban a pagar ata 4.000 euros, o que lles permitía navegar e exercer actividades profesionais como viaxes turísticas ou de transporte de persoas en alta mar, "co consecuente risco para a integridade dos viaxeiros e a seguridade marítima, ao ser falsa a titulación e non obtela polas canles oficiais que acreditan a súa habilitación, ademais do prexuízo económico ocasionado ás empresas legalmente constituídas".
CONTROL DE EMBARCACIÓNS DEPORTIVAS EN VIGO E OUTROS PORTOS
A Garda Civil ha posto en marcha unha nova campaña e control e inspección de embarcacións deportivas e de recreo que se prolongará ata o próximo 15 de setembro, coa que se pretende mellorar a seguridade dos usuarios deste tipo de embarcacións, así como a dos bañistas e persoas que visitan as costas españolas no período estival.
Esta campaña levará a cabo por parte dos Servizos Marítimos Provinciais e as patrullas de Portos e Costas da Garda Civil nun total de 29 provincias costeiras do país.
Escribe tu comentario