Povisa está esterilizando material cirúrxico para o Cunqueiro
Segundo denuncia CIG-Saúde
O hospital concertado Povisa está ocupándose da esterilización de material cirúrxico para o hospital Álvaro Cunqueiro, segundo denuncia CIG-Saúde.
Dende o sindicato consideran "lamentable" esta situación, que segundo indican se produce como consecuencia dos problemas que existen na "central de esterilización pública, acreditada e con profesionais competentes" que existe no Chuvi.
Explican que os "continuos problemas" nese servizo ocasionaron a suspensión de intervencións cirúrxicas en varias ocasións, e que as condicións de traballo levaron a que a metade do persoal desa área estea de baixa.
Por outra banda, tamén criticaron a "absoluta falta de previsión" da xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada, por clausurar o antigo servizo sen que a nova central de esterilización estivese montada e en pleno funcionamento.
Así as cousas, apuntaron, as dúas centrais (a antiga e a nova) atópanse "a medias e con evidentes problemas para optimizar o funcionamento". A isto súmase un persoal "insuficiente para sacar o traballo adiante".
A CIG esixiu que, "en lugar de contratar coa sanidade privada", se invista en persoal e medios para a correcta posta en marcha da nova central de esterilización, posto que "está en xogo a saúde de todas e todos".
Escribe tu comentario