Condenan ao exdelegado do goberno de Lugo por retirar multas "caprichosa e inxustificadamente"
Jesús Otero Calvo, actual alcalde de Monterroso, foi condenado a 3 meses de prisión e 13 meses de inhabilitación
Foto: Jesús Otero Calvo (esquerda) xunto ao alcalde de Palas de Rei
O Tribunal Supremo acaba de condenar ao exdelegado de goberno de Lugo e actual alcalde de Monterroso, Jesús Otero Calvo, a 3 meses de prisión e 13 meses de inhabilitación para cargos públicos por un delito de tráfico de influencias relacionado coa trama de retirada de multas de tráfico na provincia de Lugo.
Tamén se condena ao que foi xefe Provincial de tráfico en Lugo, Julio González Díaz, a 2 anos de prisión por delito de falsedade en documento público e a 3 anos de inhabilitación especial para o cargo de xefe provincial ou funcionario da Dirección Xeral de Tráfico por un delito de prevaricación.
A sentenza considera probado que os dous acusados, de forma "caprichosa e inxustificadamente" decidiron arquivar determinados expedientes por sancións de tráfico entre 2006 e 2009 co único interese de "beneficiar exclusivamente ás persoas sometidas aos expedientes".
Engade ademais que o subdelegado, desde a súa posición de superioridade, influía e presionaba sobre Julio González, facendo anotacións nos boletíns ou noutras resolucións , con nomes de persoas, xeralmente, do seu mesmo partido político, indicándolle o interese que tiña en que se arquivase o correspondente boletín.
Escribe tu comentario