Denuncian unha contratación con "cheiro clientelar" en Portos de Galicia
A consellería defende un proceso basado nos criterios de "publicidade, transparencia e concorrencia".
Alternativa Galega de Esquerda denunciou este mércores o "cheiro clientelar" dunha contratación de Portos de Galicia, defendida pola consellería do mar por responder a criterios de "publicidade, transparencia e concorrencia".
O deputado Juan Fajardo (AGE) foi o encargado de preguntar no parlamento pola elección dunha licenciada en dereito, que foi tenente de alcalde do Grove polo PP, "para cubrir" o que definiu como un posto de enxeñeira" nos servizos centrais de Portos de Galicia, cando a este mesmo emprego "optaban catro persoas enxeñeiras de profesión":
Fajardo considera que o PP "adapta os postos de traballo da administración pública á súa xente”, preguntando se existía "un plus" á hora de entrar á Administración “por ser militante do PP".
Pero a contratación desta persoa foi defendida polo presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, que defendeu un proceso levado a cabo cos criterios de "publicidade, transparencia e concorrencia".
Asegurou que o posto en cuestión non estaba definido para enxeñeiros exclusivamente , explicando que a praza é de nova creación e nunca foi ocupada por un enxeñeiro nin por ningún outro titulado.
Sinalou que o posto ten a función fundamental de xerenciar a náutica-deportiva e que esa área xa conta cun enxeñeiro técnico como xefe de departamento, que ten encomendadas funcións estritamente técnicas.
Escribe tu comentario