Arrinca o Festival de Cans co Día dos Veciños
A parroquia do Porriño será unha vez máis o centro do audiovisual galego ata o vindeiro sábado
(foto:festivadecans.com)
Este mércores comeza a XIII edición do Festival de Cans, que converterá unha vez máis a esta parroquia do Porriño no centro absoluto do audiovisual galego ata o vindeiro sábado.
Un ano máis o festival arrinca co Día dos Veciños e Veciños, con actividades protagonizadas e dirixidas á xente da parroquia. Os organizadores son conscientes de que o festival non sería posible sen o papel que xogan cada ano os veciños, dende os máis novos ata os veteranos que levan anos "prestando as súas propiedades e poñendo o seu traballo a disposición de todo o mundo".
Hoxe destacan a labor do xurado que decidirá cales son as curtas que merecen o recoñecemento da veciñanza, ente os que destaca Fermina Fernández, de 91 anos "moi ben levados", que será a persoa de maior idade que formou parte dun xurado na historia do festival de Cans.
O programa completo pódese consultar aquí.
VOLVE O AGROGLAMOUR
A XIII edición do Festival de Cans pretende fusionar disciplinas como o audiovisual, a música, a danza e a gastronomía nuns días nos que sairán a concurso 18 curtametraxes e outros tantos videoclips, e haberá máis de 20 concertos, entre eles un de Iván Ferreiro.
A parte das 18 curtametraxes a concurso e a proxección audiovisuais de animación, de 'retratos de familia', clásicos como 'Miss Lledya' e premiados como 'O Descoñecido', entre as principais novidades deste ano inclúese que a 'Leira de Alicia' pasa a ter programación continua nos dous días centrais do festival e acolle o 'Espazo Mahou' con actuacións musicais.
Entre estas, cabe destacar o concerto de Iván Ferreiro o venres 20 ás 20,00 horas, aínda que o contido musical se amplía a máis de 20 actuacións e 30 horas de música, nas que participarán Os Diplomáticos de Montealto, Novidades Carminha e Óscar D'Aniello da man do seu novo proxecto musical, Delafé.
Ademais, inaugurarase o 'Jaliñeiro Area' cun espectáculo exclusivo no que Janet Novás e Mercedes Peón unen danza e música, e unha nova sección gastronómica na que haberá unha proxección e prepararase unha tapa 'delicatessen' deseñada para o festival. Igualmente, reforzarase a programación infantil con proxeccións, música, monicreques, talleres e menús infantís.
Finalmente, o festival incluirá de forma transversal na súa programación deste ano actividades vinculadas ao ano Castelao e para implicar aos porriñeses, como un desfile de 'chimpíns' polo centro da cidade, a colocación dun 'Dinocan' ante o Concello e exposicións de debuxos.
Escribe tu comentario