Este 17 de maio será unha "festa reivindicativa" do galego, a chave coa que abrimos o mundo
Queremos Galego pretende mesturar o carácter reivindicativo da marcha convocada en Santiago co "orgullo que temos como pobo" de ter un idioma propio, a "maior creación colectiva" da nosa sociedade.
A Plataforma 'Queremos galego' presentou este luns a manifestación que percorrerá Santiago o vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas. Un ano máis, pretenden mesturar o carácter reivindicativo da marcha co "orgullo que temos como pobo" de ter un idioma propio, a "maior creación colectiva" da nosa sociedade.
Este ano a plataforma escolleu como lema da marcha 'O idioma é a vida', un verso dun poema de Manuel María, homenaxeado este ano nas letras galegas, que tamén fala da lingua como "a chave coa que abrimos o mundo", " o coitelo da dor, o murmurio do vento, a palabra de amor".
Con estes versos como estandarte Marcos Maceira, presidente de Queremos Galego, confía en reunir unha vez máis miles de persoas reivindicando a derrogación do "decretazo contra o galego" da Xunta de Galicia "a porta aberta aos prexuízos" no ensino galego e que estivo "desprestixiado dende o seu nacemento".
Tamén protestarán contra a recente sentenza do TSXG que anulou a ordenanza do uso do galego en Lugo, sentando un precedente que segundo explican provoca que os cidadáns teñan "problemas para utilizar o galego en servizos municipais". Por último, reclámase unha lexislación que protexa claramente o noso idioma, situandoo canto menos en igualdade de condicións co castelán.
Os organizadores chaman á cidadanía a sumarse á marcha, augurando un éxito baseado en convocatorias anteriores, nas que segundo indicaron "Santiago quedou bloqueado" con manifestacións "difíciles de ver no conxunto de Europa" en defensa dunha lingua.
FESTA REIVINDICATIVA
A marcha partirá ás 12:00 da alameda de Santiago, rematando na Praza do Toural. Será alí onde se centren os actos festivos, nos que Manuel María terá un claro protagonismo.
Haberá actuación de Mini e Mero, que levan anos musicando os versos do poeta e tamén de Fran Amil, que vén de publicar un libro-CD no que tamén versiona a súa obra.
E é que para os organizadores a necesidade de reclamar reformas "urxentes e necesarias" non debe eclipsar o "orgullo" e o amor dos galegos cara a súa lingua.
Escribe tu comentario