Un Rei nunha encrucillada

Manuel Fernando González Iglesias

Felipe VI tocou á chamada, para que, rápidos e veloces, os partidos políticos acudan á Zarzuela a explicarlle se van constituír goberno, ou se a súa real persoa terá de convocar novas eleccións en xuño.


Todo pinta a que o Monarca se perdeu entre tanta polémica e que, para saír desa encrucillada, debe preguntarlle "aos líderes" con representación parlamentaria se se van poñer de acordo ou seguirán tirándose os votos á cabeza. Se sae cara, é que Rajoy e Pablo Iglesias se moveron e sobre o tempo de desconto decidiron cambiar de estratexia, e se sae cruz, iremos todos a votar coa sensación que pouco ou nada vai cambiar.


Os "zarzuelistas" máis experimentados me contan que o monarca está moi queimado coas súas señorías Rajoy, Iglesias, Sánchez, Rivera e algo menos con Garzón, porque non pactaron nada que resulte útil á estabilidade do Estado, e que a súa decisión de convocalos é para transmitirlles esa decepción acompañándoa da noticia de novas eleccións. Non pode facer outra cousa, porque o seu papel de árbitro non dá para máis. Se en lugar de Rei tivésemos un Presidente da República con longa traxectoria política e prestixio social perfectamente recoñecible, seguramente, ademais de convocatoria, habería discurso cheo de reproches democráticos a quen non exerceu a súa responsabilidade de acordar un goberno de coalición. Un Rei nin sequera pode facer iso e así nos loce o pelo a todas e todos os españois, sobre todo por non revisar a Constitución polo menos, fai dez anos.


Pero non se preocupen Vds. que esta lea, como sempre, resolverémola os votantes. Porque, como o de votar se pode levar a cabo as veces que sexa necesario, se volvemos equivocarnos, pois... repetimos e de paso, batemos o récord dos belgas e os camboxanos con 541 días de provisionalidade, tempo máis que suficiente para que os papeis de Panamá fagan estragos e os que veñan de Luxemburgo e Suíza rematen a faena, que boa falta nos fai. De tal sorte que, nalgunha das probables e vindeiras convocatorias xa non quede ningún dos que agora din representarnos. Aposten algo.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE