As gandeiras galegas, dobremente discriminadas
Deben enfrontarse ao despoboamento progresivo que afecta aos nosos núcleos rurais, mentres asumen lastres paralelos polo mero feito de ser mulleres.
Quedan moitas asignaturas pendentes ata conseguir a igualdade completa da muller no acceso ao traballo, pero resulta indudable que nalgúns colectivos se ten avanzado máis que noutros. Aproveitando o Día Internacional da Muller Traballadora, dende o Sindicato Labrego Galego denuncian a dobre discriminación á que se enfrontan as galegas do rural, por ser mulleres e por ser gandeiras.
As gandeiras comparten os mesmos problemas que os homes por vivir no rural, “co pretexto da racionalización de recursos, perdemos medios de transporte públicos, profesionais sanitarios, mestres e mestras...”. Deben enfrontarse ao despoboamento progresivo que afecta aos nosos núcleos rurais, mentres asumen discriminacións paralelas polo mero feito de ser mulleres.
Dende o SLG remarcan que a “feminización da pobreza” é especialmente aguda para as gandeiras, que a miúdo son dependentes dos seus maridos pese a traballar como agricultoras e gandeiras. Recordan que no noso rural aínda existe “unha forte división sexual do traballo, na casa e na granxa”. Os homes seguen encargándose, en xeral “ de todo o relacionado cos espazos públicos” relegando ás mulleres a asumir os coidados dos nenos e das persoas maiores, combinando as tarefas da casa co traballo propio da granxa e véndose condenadas a “unha vida de semiescravitude”.
A pesar de que existe a posibilidade de establecer unha titularidade compartida para as granxas, aínda hai moitas mulleres que non son propietarias da granxa na que traballan. Pese a traballar 365 días ao ano, carecen de ingresos propios e non dispoñen de cotización á Seguridade Social. Dende o SLG aseguran que na actualdade hai nada menos que 300.000 mulleres nesta situación, pero nos últimos anos tan só solicitaron a titularidade compartida 136 labregas. Ademais, cando aparecen dificultades, segue existindo “ unha tradición fortemente discriminatoria na que a primeira cotización da que se prescinde é a das mulleres”. A consecuencia directa disto é que as pensións ás que teñen dereito as mulleres labregas son entre un 33 e un 35% inferiores ás dos homes.
Por último, nos últimos anos as gandeiras ten visto desaparecer unha das súas fontes de ingresos tradicionais, coa progresiva desaparición das granxas pequenas e dos mercados locais debido ao “avance da globalización neoliberal e do dominio das grandes superficies comerciais no sistema alimentario”.
Escribe tu comentario