A avoa de Ourense deixa atrás a Billy Wilder
Josefa Álvarez cumpre 110 anos nun estado de forma envidiable, cunha festa na que se arrincou coa Rianxeira.
Josefa Álvarez, "a avoa de Ourense" naceu no mesmo ano que Billy Wilder, John Huston Shostakóvich ou a Piquer, pero leva vivido bastante máis que todas estas celebridades. Acaba de cumprir 110 anos nun envidiable estado de forma, cun festexo cheo das cousas que máis lle gustan: pasteis e música galega. De feito, a muller máis lonxeva de Ourense sosprendeu aos numerosos asistentes á celebración arrincándose a cantar a Rianxeira.
A festa tivo lugar na residencia A nosa Señora do Mundil de Cartelle (Ourense). A directora deste centro, Vicenta Freire, destaca a alegría que achega á residencia e "o exemplo que dá a todos coa súa enerxía e fortaleza a pesar dos seus 110 anos". E é que resalta que Josefa chega a esta idade nun "envexable estado de saúde".
"Non toma ningún medicamento. No último ano non tivo gripe, nin estivo encamada ningún día", apunta a directora, que insiste en que "fai unha vida normal, igual que o resto dos internos".
Os únicos achaques que sinalan desde o centro son que "este ano perdeu algo de oído e de vista", o que supón que "agora se relaciona un pouco menos cos outros internos" e que teña que recibir axuda á hora de comer. Iso si, salvo se son lambetadas ou pasteis "que os come soa sen problema, porque é moi golosa", di Freire.
Tamén lle gusta moito cantar e arríncase á mínima ocasión, como este martes durante a actuación dunha pandeireteira. "Antes cantaba soa, agora hai que cantarlle ao oído e xa se anima", indican desde o centro. As súas favoritas son as cancións tradicionais e que "coñece moitas que xa ninguén máis canta".
Josefa naceu en 1906 en Ramirás e pasou case toda a súa vida na localidade de San Tomé. Alí traballou "ao xornal" dos veciños, realizando labores agrícolas ou lavando a roupa doutras familias do pobo.
O SEGREDO DUNHA LONGA VIDA
Non casou nunca, e este é un dos motivos que saca con humor cando se lle pide que explique como chegou aos 110 anos, pero tamén adoita sinalar que lle axudou "comer patacas e chourizos cando se podía", así como ter unha "vida saudable" ao aire libre.
Con todo, tamén hai unha cuestión xenética, segundo subliña o seu sobriño, José Álvarez, que lembraba como a súa tía coidara do seu pai ata que este falecera aos 98 anos.
"Sempre foi moi boa", confirmou o sobriño que viviu con Josefa cando era un neno. Despois, emigrou a Frankfurt e tentou que a súa tía fóra a vivir con el e axudarlle a coidar á súa filla en Alemaña ou vivir con el en Vigo despois de retornar, pero ela "nunca quixo saír do pobo".
Aos seus 80 anos, José é un dos poucos familiares que quedan e acoden a visitala regularmente, xunto con outra sobriña neta que hoxe non puido acudir á festa organizada con motivo dos aniversarios.
José emociónase ao lembrar á súa tía "sempre comendo de pé", cando lle preparaba ovos fritos sen patacas, ou os esforzos que tivo que facer para poder pagarse "a agraria", a pensión que agora cobra.
Na celebración estivo presente a alcaldesa de Cartelle, Carmen Leyte, que regalou á homenaxeada un diploma que a acredita como a persoa de máis idade no municipio e o presidente da Fundación San Rosendo, José Luis Gavela, que resaltou que se trata da usuaria máis lonxeva dos 70 centros que a entidade ten por toda Galicia.
Escribe tu comentario