A Universidade de Vigo reforza vínculos académicos e científicos con Xapón
Chiussi, Mato e Murota
Prorrogar o acordo de cooperación académica e científica entre o Research Institute of Electrical Communication, RIEC, da Universidade de Tohoku en Sendai (Xapón) e a Universidade de Vigo, e en particular co Grupo FA3 Novos Materiais, e planificar futuras cooperacións.
Estes son os obxectivos centrais da visita que o profesor xaponés Junichi Murota realiza estes días á institución académica viguesa, á que chega da man de Stefano Chiussi, docente e investigador do grupo de Novos Materias do Departamento de Física Aplicada.
Murota volve a Vigo tres anos despois da súa última visita para prorrogar o acordo académico asinado entón entre o RIEC e a Universidade de Vigo e tamén para visitar o laboratorio láser do Grupo de Novos Materias co obxectivo de “avaliar a súa adaptación para poder manipular mostras procedentes das súas salas brancas e así realizar conxuntamente dispositivos microelectrónicos”, explica Chiussi.
Murota e Chiussi mantiveron esta mañá un encontro co reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, no que lle achegaron os avances nunha relación, que o investigador da institución académica viguesa considera “moi proveitosa e que nos axudou a remodelar o noso laboratorio para estar á altura de centros de investigación de prestixio internacional, investigar materiais e sistemas anteriormente inalcanzables, tanto por prezo, como por complexidade, e sobre todo abrir moitas novas cooperacións con centros de Alemaña, Francia e Xapón”.
A planificación e avaliación para unha mellor coordinación cara á asistencia aos congresos máis destacados no ámbito do procesamento de dispositivos microelectrónicos e optoelectrónicos baseados no silicio e no xermanio, foi outra das cuestións abordadas ao fío da visita de Junichi Murota.
Un centro de referencia para o desenvolvemento de novos dispositivos
A liña de investigación do Grupo de Novos Materiais que ata o de agora máis se beneficiou da colaboración co científico xaponés é a da micro, nanoelectronica e fotónica, “aínda que o noso propósito a medio prazo é aproveitar a nosa experiencia en biomedicina para combinar ambas liñas e entrar no mundo dos biosensores avanzados de tipo LabOnChip”, apunta Stefano Chiussi.
Escribe tu comentario