O modelo urbano de Pontevedra suma outro premio internacional
O modelo urbano de pontevedra xa foi premiado este ano en Dubái e Nueva York. En Bruxelas, Pontevedra recibiu o primeiro premio que a nivel internacional recoñecía o modelo urbano.
En Bruxelas, Pontevedra recibiu o primeiro premio que a nivel internacional recoñecía o modelo urbano. Tras el chegaron o ONU-Hábitat entregado en Dubái e o que Miguel Anxo Fernández Lores recolleu o pasado mes de maio en Nova York.
Xa entón se suxería que non ía ser o último. E así foi.Pontevedra foi galardoada co premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015 que se entregará o próximo 24 de novembro en Hong Kong.
Así o anunciou o propio alcalde este martes, tras recibir a confirmación do premio. "É un premio internacional máis que recibe Pontevedra e que nos axuda a seguir situándonos a nivel mundial como referente de calidade urbana e mobilidade intelixente", destacou Fernández Lores, que acudirá á cidade chinesa acompañado do intendente xefe da Policía Local, Daniel Macenlle, encargado de expoñer as características do modelo urbano.
E é que ademais de recoller o premio, Pontevedra participará nun foro no que diferentes cidades europeas e chinesas expoñerán as súas experiencias en materia de mobilidade, novos conceptos de cidade -apartado onde se expoñerá o modelo pontevedrés- ou cambio climático. Nel tamén estarán, entre outras, Barcelona, Valladolid, Sabadell, París, Milán, Malmoe, Toulouse, Cagliari ou Shanghái.
"É un premio internacional máis que nos axuda a seguir situándonos a nivel mundial como referente de calidade urbana e mobilidade intelixente", destacou Fernández Lores
Pontevedra, segundo explicou Fernández Lores, presentará un proxecto relacionado coa recuperación dos espazos públicos da cidade, o aumento das posibilidades de mobilidade, a promoción dun estilo de vida máis saudable, o reforzo das políticas de seguridade viaria e a redución de gases e emisións á atmosfera.
"Elaboraremos un vídeo e faremos unha presentación que sexa o máis didáctica posible", sinalou o alcalde.
O premio Cidade de Mobilidade Intelixente Euro-China 2015 é unha iniciativa impulsada pola fundación Prospective et Innovation, presidida actualmente polo ex primeiro ministro francés Jean Pierre Raffarin. Trátase dun organismo que, entre outros obxectivos, traballa para promocionar novos modelos de mobilidade e axudar ao desenvolvemento destas prácticas, fortalecendo especialmente a relación entre cidades europeas e asiáticas.
A entrega deste galardón é unha das actividades que se enmarcan dentro dun evento denominado China International New Energy Vehicle, unha feira do sector automobilístico que reunirá durante tres días a todos os ámbitos relacionados coa mobilidade intelixente. Celebrarase do 24 ao 26 de novembro no Asia Wolrd Expo, o principal centro de convencións da cidade de Hong Kong.
Escribe tu comentario