CONTA CON 12.691 DEMANDANTES DE EMPREGO MENOS
Galicia rexistra unha nova caída do paro en xullo ó contabilizarse 7.381 desempregados menos
Segundo os datos oficiais é o cuarto mes consecutivo de descenso do desemprego na comunidade galega
Segundo os datos oficiais, o número de parados inscritos nas oficinas do Instituto Nacional de Emprego (Inem) en Galicia diminuíu por cuarto mes consecutivo en xullo ó rexistrarse 7.381 desempregados menos que en xuño, cifra un 3,69 por cento inferior á de maio. O total de persoas sen emprego situouse na comunidade galega en 192.859, segundo os datos publicados hoxe polo Ministerio de Traballo e Inmigración.
En termos interanuais, con todo, hai na comunidade galega 43.541 parados máis que no mesmo mes do ano pasado, o cal supón un incremento do 29,16 por cento. Así, Galicia mantívose como a segunda comunidade na que menos avanzou o desemprego nos últimos doce meses, pois a porcentaxe só foi menor, en termos relativos, en Estremadura, onde aumentou un 27,16 por cento.
No conxunto do Estado, o número de parados rexistrados nas oficinas do Inem baixou en 20.794 persoas en xullo respecto de xuño (-0,6 por cento), rexistrando o seu terceiro descenso mensual consecutivo tras estar 14 meses á alza. O total de desempregados situouse así en 3.544.095 persoas.
Escribe tu comentario