EN SANTIAGO
A Xunta e o Instituto Cervantes traballarán nun convenio de colaboración para ensinar galego nas súas sedes
Pecha a súa reunión anual de directores apelando á difusión do galego e o español no mundo
Acto de clausura da reunión anual do Instituto Cervantes en Santiago
A reunión anual do Instituto Cervantes finalizou este xoves cun chamamento a "proxectar Galicia e o galego" no mundo a través desta institución. A convención, que se celebrou na Cidade da Cultura de Santiago dende o martes, contou coa presenza dos directores dos máis de 90 centros desta institución.
O acto de clausura contou coa presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; que acompañaron ao secretario xeral do Instituto Cervantes, Rafael Rodríguez-Ponga.
Rodríguez-Ponga destacou as dúas conclusións principais extraidas da convención. Por un lado, a intención de formalizar un convenio de colaboración coa Xunta para o ensino de galego nos seus centros e, ademais, o trazo da liña de actuación ante as novas competencias coas que conta o Instituto Cervantes en relación aos exames de obtención da nacionalidade española.
"O Instituto Cervantes vai garantir a igualdade de oportunidades para todos os solicitantes de nacionalidade", sinalou Rodríguez-Ponga, quen engadiu que a centralización destes exames nos centros deste órgano "vai simplificar o procedemento, unificar criterios e vai significar un beneficio para os interesados".
O instituto será o encargado, tras a aprobación de dúas leis no primeiro trimestre deste ano, de realizar os dous exames para a obtención da nacionalidade española. O proceso contará con dúas probas: a primeira sobre lingua española -a través do Diploma Español como Lingua Estranxeira (DELE)- e a segunda sobre coñecementos constitucionais e culturais.
ACHEGAR O GALEGO AO MUNDO
O secretario do Instituto Cervantes sinalou a "dimensión especial dimensión" que achega para a institución "reunirse nunha comunidade autónoma bilingüe" onde conviven castelán e galego, unha lingua que "ten demanda" en diferentes puntos do planeta.
O conselleiro de Cultura valorou a elección de Santiago como sede desta convención anual e desexou os asistentes que "volvan coas pilas cargadas" aos seus lugares de traballo.
Rodríguez recordou que "o Camiño de Santiago é o segundo tema máis consultado" nas sedes que esta institución ten abertas nos cinco continentes, "solo por detrás de Gaudí". Ademais, engadiu que "Galicia se abre ao mundo" a través da plataforma do Instituto Cervantes".
"REFORZAR COMPROMISOS"
O vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, foi o encargado de pechar o acto e recalcou a necesidade de "reforzar compromisos" entre o Instituto Cervantes e a Xunta "a través da Real Academia Galega (RAG) e o Consello da Cultura Galega".
Por último, Rueda sinalou que "España é unha unidade, diferente nas súas partes" e censurou a actitude daqueles que utilicen "os símbolos identitarios" para "separar".
Escribe tu comentario