#Claves de la semana
NO MES DE MAIO

O paro baixa en Galicia en 7.780 persoas e en España en 117.985, o seu maior descenso na serie histórica

Na comunidade galega descende en 26.463 persoas nos últimos 12 meses e hai rexistrados 236.981 desempregados


|

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) en Galicia alcanzou os 236.981 en maio, o que representa un descenso do 3,18% (superior á media de todo o estado) en relación con abril, tras baixar en 7.780 persoas.


Se a comparación efectúase co mesmo mes de 2014, a diminución foi de 26.463 desempregados na comunidade galega no quinto mes do ano, do 10,05%, tamén por encima da media das comunidades, de acordo cos datos que publica este martes o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Así, no conxunto estatal, o paro situouse ao finalizar maio en 4.215.031 persoas, tras baixar en 117.985 desempregados (un 2,72%) respecto ao mes anterior, o seu maior descenso nun mes de maio de toda a serie histórica. Son 357.354 menos que os que había un ano atrás (-7,82%).

Con todo, en termos porcentuais, até 11 autonomías rexistraron caídas maiores á de Galicia en maio en relación co mes anterior, lideradas pola de Baleares (-11,87%).

En cifras absolutas, a redución de parados galegos é a sexta, tras as de Cataluña, Madrid, Comunidade Valenciana, Andalucía e Baleares.

CAE EN TODAS AS PROVINCIAS

Os parados baixaron en todas as provincias galegas en maio, en 3.344 persoas en Pontevedra (-3,42%), en 2.684 na Coruña (-2,8%), en 1.056 en Lugo (-4,39%) e en 696 en Ourense (-2,56%).

Así, Pontevedra conta con 94.351 desempregados, 10.923 menos que 12 meses atrás (-10,38%); na Coruña ascenden a 93.207, até 9.935 menos que en maio de 2014 (-9,63%); en Ourense hai 26.440, o que supón unha diminución de 2.294 respecto dun ano atrás (-7,98%) e Lugo é a que menos ten, 22.983, o que implica que contabiliza 3.311 menos que o mesmo mes do pasado exercicio (-12,59%).

Distribuído por sexos, o desemprego afecta a 109.531 homes e a 127.450 mulleres na comunidade; mentres que por idades, 13.100 son menores de 25 anos e os restantes 223.881 superan eses anos.

BAIXA EN TODAS AS ACTIVIDADES


O desemprego reduciuse especialmente en maio, en Galicia, no sector servizos, que, con 4.954 parados menos, situou o total en 148.660 (polo que segue sendo a rama de actividade cun dato máis avultado).

Na industria retrocedeu en 1.184 persoas, até 30.304; mentres que na construción baixou en 1.103, até 29.618; e no ámbito da agricultura diminuíu en 242, até 8.366.

O paro no colectivo sen emprego anterior descendeu en 297 persoas, até 20.033, dos que 6.525 son homes e 13.508 mulleres. Do total, 7.875 teñen máis de 44 anos, 4.156 entre 30 e 44, 3.801 entre 20 e 24, 2.399 entre 25 e 29 e 1.802 menos de 20.

En canto ao desemprego entre estranxeiros, 11.562 en maio na comunidade galega, a maior cantidade (6.207) correspóndese co sector servizos, mentres que 2.520 non tiveron emprego anterior, 1.149 son do ámbito da construción, 904 da agricultura e 782 da industria.

REDUCIÓN DE DEMANDANTES NON OCUPADOS

Os demandantes de emprego en Galicia en maio, 303.718, repartíronse entre ocupados (31.621), sen emprego que indican condicións especiais de traballo na súa solicitude (17.787) e non ocupados (254.310).

Estes últimos, os demandantes de emprego galegos que non están ocupados, representan un 3,05% menos dos que había en abril (8.012 persoas menos) e 25.983 menos dos de maio do exercicio anterior (-9,27%).

SOBE A CONTRATACIÓN

Pola súa banda, as contratacións materializadas en maio ascenderon a 68.273, un 1,63% máis que en abril, isto é, 1.093 contratos máis; e un 8,88% máis interanual (respecto de igual período do ano pasado), tras unha subida en 5.569.

Por provincias, unicamente A Coruña experimentou un descenso nas rúbricas, con 68 menos que en abril (-0,24%). O maior aumento intermensual foi o que se anotou Lugo, con 641 contratacións máis (+8,81%). En Ourense incrementáronse un 6,6%, con 305 máis; e en Pontevedra un 0,78%, con 215 máis.

A maior parte, 63.302 contratos, asináronse con carácter temporal, e estes supoñen un 2,17% máis dos que se subscribiron en abril deste tipo.

Respecto de indefinidos, 4.971, representan unha caída do 4,86% en comparación cos que se acordaron o cuarto mes de 2015 deste carácter.

Así, no acumulado, un 91,4% dos 315.408 contratos existentes en Galicia son temporais (288.286); mentres que un 8,6% son indefinidos, un total de 27.122.

DATOS ESTATAIS

No conxunto do estado, co recorte de maio, o paro encadea catro meses de descensos tras baixar en febreiro, marzo e abril en 13.500, 60.200 e 119.000 desempregados, respectivamente.

Pola proximidade do verán e aos contratos de tempada, maio é tradicionalmente un bo mes para o emprego. En todos os meses de maio desde que se inicia a serie histórica, en 1996, descendeu o paro rexistrado, salvo en 2008, cando subiu en algo máis de 15.000 desempregados. No últimos sete anos, o paro rexistrado reduciuse en maio unha media de 58.000 persoas.

En termos desestacionalizados, o paro rexistrado diminuíu en 34.160 persoas no quinto mes do ano, "o mellor dato rexistrado nun mes de maio", segundo resaltou o Ministerio de Emprego, que engadiu que o paro desestacionalizado acumula xa 25 meses de caídas.

O departamento que dirixe Fátima Báñez destacou ademais que durante os últimos doce meses, o desemprego reduciuse en 357.354 persoas, o seu maior descenso interanual de toda a serie, co que a taxa interanual situouse no -7,82%. 

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE