Galicia e o Norte de Portugal alíanse para favorecer a contratación de traballadores transfronteirizos
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe en Vila Nova de Cerveira no segundo Job Day da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá en Vila Nova de Cerveira na inauguración do segundo ‘Job Day’ da Eurorrexión Galicia - Norte de Portugal, que este ano se centra na hostalería e o turismo; sectores no que os participantes acoden con preto de 40 ofertas de emprego en ambas zonas.
A iniciativa está promovida conxuntamente pola AECT, a Rede EURES, o Instituto de Emprego e Formación Profesional de Portugal e a Consellería de Traballo e Benestar. O seu obxectivo é facilitar o contacto entre empresarios e profesionais do sector da hostalería e o turismo e promover así a mobilidade e a contratación de traballadores en Galicia e o Norte de Portugal.
No acto de apertura, Rueda lembrou que o Plan de Investimentos Conxuntos da Eurorrexión da Xunta introduciu a creación de emprego de calidade como o seu segundo eixo; e que esa mesma prioridade foi incoporada tamén ao Programa Operativo Interreg para os anos 2014-2020, que vai financiar os proxectos transfronteirizos.
Por iso a Xunta sigue a avanzar para mellorar a mobilidade laboral, para que non existan barreiras. Nese contexto, xorden este tipo de xornadas polo emprego, que tratan de ofrecer máis oportunidades ás persoas traballadoras de ambos lados da ‘Raia’.
O primeiro ‘Job Day’ da Eurorrexión celebrouse en Tui en xullo do ano pasado e tivo como protagonistas ás empresas metalúrxicas. Nesta ocasión o programa consiste en dous workshops temáticos: un sobre emprego e outro sobre turismo e hostalería na Eurorrexión.
No primeiro haberá relatorios sobre o mercado de traballo transfronteirizo, homologación de títulos de FP no sector de hostalería e apoios á contratación. No segundo trataranse as estratexias conxuntas de promoción, o financiamento do sector e novos negocios.
Na inauguración tamén participaron o presidente da Cámara Municipal de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, o delegado rexional do Norte do IEFP, César Ferreira, a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, a coordinadora do EURES Transfronteirizo, Teresa Ventín, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez.
Escribe tu comentario