# Claves de la semana

A Xunta e Abanca renovan o seu plan de patrocinio de equipos e reivindican os éxitos da colaboración público-privada

Abanca prorroga outro cinco anos o seu apoio a este plan de Deporte Galego cun investimento de sete millóns de euros

Acto de renovación do convenio para o financiamento do Plan de Patrocinio de Equipos galegos de Alta Competición entre Abanca e a Xunta.

Abanca prorroga outro cinco anos o seu apoio a este plan de Deporte Galego cun investimento de sete millóns de euros

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deporte, Diego Calvo, e o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet Rodríguez, participaron este martes na renovación do convenio para o financiamento do Plan de Patrocinio de Equipos galegos de Alta Competición, ao que a entidade bancaria destinará nos próximos cinco anos sete millóns de euros.

Durante o acto, no que foron galardoados os 23 equipos que levan participando neste plan de patrocinio desde a súa primeira edición, en 2009, todas as partes reivindicaron os éxitos alcanzados no ámbito deportivo grazas á colaboración público-privada. En concreto, Abanca leva sendo patrocinador oficial desta iniciativa 10 dos seus 16 anos.

Para o presidente da Xunta, este é un "exemplo práctico perfecto" dunha alianza e "colaboración exitosa" público-privada, que ademais de axudar ao labor dos equipos da Comunidade, contribúe a difundir a imaxe e reputación dun sector con "altos beneficios" sociais e económicos para Galicia.

Rueda lembrou que para coidar o talento "fan falta recursos e investimentos", e convenios como este "son fundamentais", mostrando que "as empresas potentes de Galicia confían na potencia de Galicia a través do deporte".

Nas súas propias palabras, da marca Galicia Calidade e da súa proxección ao mundo tamén forma parte o deporte, "un dos mellores exemplos de que aquí as cousas se fan moi ben", e os deportistas, acompañados por directivos e familia, cando adestran, compiten e axudan a outros a superar os seus límites, explotando o seu talento, crecendo como persoas e "engrandeciendo a imaxe de Galicia".

O Goberno galego traballa para impulsar o talento e fomentar a excelencia no deporte mediante este Plan e outras medidas como o Bono Deporte, que en 2024 impulsou o deporte base cun investimento de 16 millóns, ou as bolsas e axudas a deportistas, técnicos e árbitros. Entre outros ámbitos, destacou os grandes avances en materia de igualdade que se están dando grazas a estes apoios, lembrando que dos 30 equipos femininos que había en 2009, na primeira edición deste plan, xa son 112.

COMPROMISO EFECTIVO CON GALICIA
Pola súa banda, Juan Carlos Escotet lembrou que a contribución co deporte galego foi "unha das primeiras demostracións do compromiso efectivo" da entidade con Galicia, un plan de patrocinios que, lembrou, beneficiou a 250 clubes dunha trintena de disciplinas deportivas na súa traxectoria.

"Non ratificamos este convenio de forma rutineira, estar aquí hoxe é algo que nos concerne e nos importa profundamente", dixo ante un Auditorio Fontán repleto de deportistas, dos que eloxiou aspectos como o esforzo, a constancia, o desexo de superación ou a fixación de metas, como principios nos que tamén cre Abanca.

Na mesma liña que o presidente galego, Diego Calvo tamén reivindicou as 16 edicións deste plan de patrocinio, 10 delas da man de Abanca, como exemplo "de éxito" na "colaboración público privada en beneficio do deporte". Con iso, engadiu, reivindícanse valores deportivos como "a unión de esforzos" e o "espírito de equipo".

O "principal obxectivo deste plan", ademais do fomento do deporte en si, dixo Calvo, é "difundir a imaxe de Galicia e do deporte galego no exterior", dado que os deportistas son "os mellores embaixadores da marca Galicia".

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE