As bibliotecas reciben fondos para mercar "novidades editoriais en galego"
A Xunta tamén destina unha partida de axudas para a tradución de obras doutras linguas ao galego e viceversa.
A Xunta destinou 200.000 euros para a adquisición de "novidades editoriais" escritas en galego por parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.
O DOG publica este venres a resolución da liña de axudas, que tamén inclúen outra partida por valor doutros 200.000 euros que servirán para promover "a tradución de libros ao galego, e do galego a outras linguas".
Segundo informou a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, este programa de subvencións --iniciado o pasado ano-- busca que os usuarios das bibliotecas públicas teñan á súa disposición "os títulos máis recentes en galego no momento da súa entrada no mercado".
Deste xeito, Cultura habilitou unha plataforma a través de Internet na que as editoriais poden informar sobre as súas novidades que, para entrar no concurso, teñen que ter a súa data de publicación entre o pasado 1 de setembro e o 29 do mesmo mes do presente ano.
As bibliotecas poden solicitar a súa participación no programa ata o 6 de febreiro e deben cumprir cos requisitos de contar cun horario de apertura de 15 horas semanais como mínimo e ter informatizada a súa xestión.
A contía das axudas estará determinada polo número de habitantes do municipio no que se sitúa a biblioteca e van desde os 500 euros para as localidades con menos de 2.000 habitantes a 3.500 euros naquelas que pasen os 50.000.
AXUDAS Á TRADUCIÓN
Así mesmo, na mesma liña de subvencións están as destinadas á tradución de obras literarias doutras linguas ao galego e viceversa. Estas axudas están dirixidas a entidades editoras, que poderán presentar as súas solicitudes ata o próximo 6 de febreiro.
Así as cousas, unha comisión evaluadora determinará que obras serán as seleccionadas para recibir a axuda, que "non superará en ningún caso os 6.000 euros" por traballo.
Así, esta comisión realizará o proceso de criba en base aos seguintes criterios: "número de edicións da publicación que se vai traducir", "actualidade da obra", "vixencia dos dereitos de propiedade intelectual", "currículo da persoa responsable da tradución", "interese do proxecto para a cultura galega e plan de distribución da obra", así como a súa "viabilidade".
A actuación conta cun orzamento de 200.000 euros que se repartirán en 120.000 euros para a tradución "desde outras linguas ao galego" e os restantes 80.000 euros para a tradución "desde a lingua galega a outras".
Escribe tu comentario