Educadores sociais de Galicia esixen a creación dunha lei que regule a súa profesión
Outro dos seus fins é o recoñecemento dunha categoría profesional propia dentro do convenio único da Xunta.
O Colexio de Educadoras e Educadores Socias de Galicia (Ceesg) pediu ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade a creación dunha Lei de Educación Social que regule a súa profesión.
Os educadores presentaron este martes a solicitude no rexistro da Xunta, onde, en declaracións aos medios, a presidenta do Ceesg, Mónica Serrano Soto, afirmou que o seu principal obxectivo é "regularizar a profesión" mediante unha norma que "recoñeza cales son as súas funcións e ámbitos de traballo".
Mónica Serrano tamén sinalou que outro dos seus fins é o recoñecemento dunha categoría profesional propia dentro do convenio único da Xunta, posto que consideran que a actual pode incluír a traballadores alleos ao ámbito da educación social.
Con esta iniciativa, os máis de 800 colexiados do Ceesg súmanse á campaña iniciada a nivel Estatal polo Consello Xeral de Colexios oficiais de Educadoras e Educadores Sociais (Cgcees), coa que pretenden implicar tanto a aqueles sectores relacionados coa profesión como á cidadanía.
Neste sentido, o Ceesg pretende alcanzar as 10.000 firmas de apoio no primeiro trimestre de 2017.
Escribe tu comentario