As políticas migratorias, a debate da man do Foro Galego da Inmigración
A entidade organiza unhas xornadas con motivo da celebración do Día Internacional das Migracións o próximo 18 de decembro.
O Foro Galego da Inmigración organiza esta semana unhas xornadas para denunciar "o carácter represivo e criminalizador" das políticas migratorias en Occidente.
Esta entidade, segundo informou nun comunicado, levará a cabo varios coloquios e unha concentración con motivo da celebración do Día Internacional dás Migracións o próximo 18 de decembro.
Nas charlas abordaranse temas relacionados coas migracións, como os Centros de Internamento para Emigrantes, a "exclusión sanitaria" das persoas sen papeis ou a "existencia de voos de deportación cos que se lucran empresas privadas".
Así, a cidade de Ferrol acollerá este mércores o primeiro dos simposios, que será impartido por Manuel Bayona baixo o título de 'Fronteiras invisíbeis e dereitos sociais'.
Un día máis tarde, esta mesma charla terá lugar na Asociación Viraventos da Coruña. O venres será a quenda de Santiago, cidade na que, ademais do coloquio, celebrarase unha concentración "contra as fronteiras e as políticas migratorias".
O ciclo pecharase o sábado de novo en Ferrol, unha cidade que lucirá na fachada do seu Concello unha pancarta en apoio á Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas durante toda a semana.
Escribe tu comentario