O Concello de Lugo descarta unha "trama de bandas" nas pelexas de menores
Aseguran que son "puntuais" e que se identificaron "entre 14 e 16 menores", entre participantes e público.
O portavoz do goberno local de Lugo, Miguel Fernández, insistiu este xoves que as pelexas de menores son "puntuais" e descarta que haxa "unha trama de bandas organizadas" nos enfrontamentos difundidos nas redes sociais.
Dous vídeos destas pelexas, aos pés da muralla no parque do Cantiño, provocaron un gran balbordo e a Policía Nacional identificou "entre 14 e 16 menores", entre público que acirraba aos contendentes e os que participaron, segundo confirmaron fontes da investigación.
Tras a campaña impulsada polo Concello, que se levou aos nove institutos da cidade e a todas as dependencias administrativas, para promover que se denuncie de forma anónima ante a Policía Local, Fernández afirmou que "non" hai ningunha novidade.
Á súa vez fixo fincapé en que se "incrementou a vixilancia e o seguimento por parte da Policía Local e da Nacional". "Así me consta", apostilou.
"Eu non quero que este tema saia de nai, que desde o Concello puxemos unha ferramenta (campaña de sensibilización) para que os cidadáns dunha forma directa e inmediata poidan preavisar, pero non creo que sexa un tema de bandas organizadas. É un tema puntual, e non se trata de criminalizar a ninguén", concluíu.
Escribe tu comentario