A Xunta Local de Seguridade de Lugo reúnese polas pelexas e o violador
A alcaldesa da cidade, Lara Méndez, di que a Policía Local esta "intensificando" a vixilancia e ofrece "colaboración" coa Nacional.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou este mércores que a Policía Local está "a intensificar" a vixilancia con motivo da existencia dun violador no barrio de Augas Férreas.
"Sempre que hai un problema tentamos dar solución e achegar a nosa colaboración, aínda que non é a nosa competencia", remarcou, non sen apelar a "ser cautos" para "non interferir nas estratexias marcadas". "Colaboración, toda", garantiu.
En paralelo, deu conta da convocatoria para o mércores da semana próxima da Xunta Local de Seguridade.
Neste foro abordarase tanto a cuestión relativa ao violador (houbo unha violación consumada e un intento de agresión sexual no mesmo edificio do citado barrio) como as pelexas entre menores que posteriormente se soben ás redes sociais.
Trataranse tamén outros asuntos, tal e como indicou Lara Méndez, pero particularmente eses dous, "sen buscar alarma social pero poñendo o acento nun problema illado".
O obxectivo é "buscar sinerxias e cooperación entre as distintas forzas e corpos de seguridade do Estado", recalcou.
Escribe tu comentario