Ana Pontón anuncia unha asemblea en febreiro para "redefinir" o BNG
A portavoz nacional pide a En Marea e ao PSdeG "repensar o seu papel e non facer de oposición da oposición" no Parlamento.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sinalou que En Marea "equivócase de inimigo" no Parlamento galego "porque en lugar de ocuparse dos problemas de Galicia preocúpanse polos escanos ou polas dependencias para o grupo no Pazo do Hórreo", polo que convidou tanto ao partido instrumental como ao PSdeG para "repensar o seu papel e non facer de oposición da oposición".
Nunha entrevista na Cadena Ser recollida por Europa Press, a líder frontista avanzou que o Bloque celebrará unha asemblea "en febreiro de 2017" co obxectivo de abrir "unha nova etapa para o nacionalismo".
Así, o conclave marcará un "punto de inflexión" para adaptar o nacionalismo galego "á altura do século XXI, cunha unión máis clara entre o que significa a alternativa nacionalista e unha mellora das condicións de vida".
Pontón referiuse á petición de En Marea de contar cun espazo máis amplo no Pazo do Hórreo, algo que no seu día fixo público o propio portavoz, Luís Villares. Así, unha proposta que está a debate é que o grupo da confluencia na Cámara autonómica pase a ocupar o local no que ata agora estaba o BNG.
Con todo, En Marea aclara que "nunca" pediu formalmente o do BNG, senón un espazo "adecuado" ás súas necesidades, ao persoal que poida incorporarse para traballar no grupo e en consonancia co incremento de deputados.
En relación a isto, a portavoz nacional do BNG cre que o partido instrumental "está a confundirse de adversario, de inimigo, e que confunde as súas prioridades". "Nós empezamos unha lexislatura na que estamos centrados en poñer sobre a mesa os problemas e dar alternativas", remarcou.
INVESTIDURA FEIJÓO E RAJOY
Así mesmo, Pontón manifestou que no debate de investidura que se celebrará a próxima semana, Alberto Núñez Feijóo, "vaise limitar á propaganda e aos fogos artificiais", á vez que mostrou o seu temor a que a maioría absoluta do PP durante o próximos catro anos "se convirta nunha cortina que lle impida ver a Feijóo a realidade que hai detrás desa maioría".
En canto á situación política a nivel estatal, Pontón criticou á dirección nacional do PSOE por "facilitar" o goberno de Mariano Rajoy, algo que, para a nacionalista, é un "erro histórico" que evidencia que os socialistas perderon "o norte".
Ademais, volveu a cargar contra PSOE e Podemos, aos que considera "culpables de permitir un goberno do PP pola súa incapacidade para poñerse de acordo despois das eleccións xerais".
Escribe tu comentario