O arquitecto Penela converterá a torre do Xeral nos novos xulgados de Vigo
O arquitecto proponse recuperar a "dignidade" do 'Pirulí', retirando a carcasa que recibiu a torre na última reforma para mostrar un aspecto máis similar ao que tivo na súa orixe.
O arquitecto vigués Alfonso Penela foi seleccionado para pilotar a transformación do antigo Hospital Xeral de Vigo e convertelo na nova Cidade da Xustiza, tras alzarse co primeiro premio do concurso de ideas convocado pola Xunta, en colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), para deseñar o novo edificio xudicial.
Segundo explicou o propio arquitecto, a idea principal do seu proxecto é recuperar a "dignidade" do edificio orixinal, eliminado parte do anexo de Urxencias e a estrutura circular que se encostou á entrada principal. Con estas medidas, crearase unha gran praza no acceso ao edificio que, ademais, servirá para unir as rúas Vázquez Varela e Padre Feijóo.
Outra dos principais acenos de identidade do proxecto será a recuperación da cor branca para a fachada do edificio, cuxa torre albergará os 54 xulgados (con espazo para ampliar a máis unidades). Nos baixos do conxunto construirase un aparcadoiro para os traballadores, con comunicación interna co edificio xudicial, e prevese un aparcadoiro público subterráneo na rúa Vázquez Varela.
"Trátase de recuperar a forza e a dignidade do edificio primigenio", sinalou Penela, en declaracións aos medios, e xustificou a volta á cor clara para a fachada, xa que o actual revestimento (en tons turquesa) "fai que o edificio perda forza e esbeltez". Así mesmo, no seu proxecto prevese recuperar unha estrutura cúbica que existiu inicialmente no alto da torre (como depósito de augas) para utilizala como salón para actos.
"CAMBIO AMBICIOSO"
O gañador do concurso de ideas deuse a coñecer este mércores nun acto celebrado na sede viguesa do COAG, coa asistencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; do conselleiro de Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; e o alcalde de Vigo, Abel Caballero; entre outras autoridades e representantes do mundo da xudicatura.
O titular do Executivo galego destacou que a recuperación do antigo Hospital Xeral para uso xudicial, xunto coa posta en marcha do novo Hospital Álvaro Cunqueiro, "representan o proceso de cambio máis ambicioso" levado a cabo na cidade desde a implantación de Citroën no polígono de Balaídos.
Núñez Feijóo na presentación do proxecto // @Xunta
O presidente da Xunta confirmou que a nova Cidade da Xustiza de Vigo terá un investimento duns 25 millóns de euros, e que permitirá concentrar toda a actividade xudicial nun edificio que, ademais, dispón de 10.000 metros cadrados máis que as actuais instalacións. Tamén sinalou que os novos xulgados estarán operativos en 2019.
"IDEA BRILLANTE"
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, recoñeceu este mércores que a rehabilitación do Xeral para uso xudicial foi unha "idea brillante", e destacou a importancia de recuperar un edificio emblemático da cidade que "xa se estaba deteriorando".
O rexedor olívico ha prometido á administración autonómica "toda a cooperación" para sacar adiante este ambicioso proxecto e para que "continúe a súa andaina á velocidade que ten que ir", xa que se trata dun "gran éxito colectivo".
Finalmente, o conselleiro Alfonso Rueda mostrou a súa satisfacción porque "por fin" haxa un proxecto para a Cidade da Xustiza de Vigo, tras anos esperando polas novas dotacións e, aínda que recoñeceu que os prazos son "axustados", expresou a súa confianza en que poderá facerse segundo as estimacións.
Así mesmo, confirmou que o proxecto gañador e os finalistas, así como os accésit poderán verse nunha exposición na delegación territorial da Xunta en Vigo.
Escribe tu comentario