O voto exterior ratifica o noveno deputado para o PP en Ourense
O Partido Animalista obtén máis votos na diáspora que o BNG nas provincias de Lugo e Ourense.
O reconto do voto emigrante confirma os resultados electorais do pasado 25 de setembro, tendo en conta que ratificou o noveno deputado para o PP en Ourense, o que mantén o empate a 14 escanos entre PSdeG e En Marea, que computados os sufraxios do exterior nas catro provincias segue como a segunda forza galega con máis votos tras o PP (con case 17.000 máis que os socialistas).
En total, en Galicia sumáronse 10.777 votos da diáspora, dos que 10.708 foron declarados válidos. Do total de sufraxios válidos, case o 50 por cento (5.267) correspóndense co PP, a forza máis apoiada polos galegos residentes no exterior.
E é que o PPdeG é a forza máis apoiada polos emigrantes nas catro provincias, mentres que En Marea sitúase en segundo lugar na Coruña e Pontevedra, e o PSOE ocupa o segundo posto en Ourense e Lugo.
Á marxe de recursos e outras cuestións pendentes de resolver, que non se prevé que alteren de forma notable o resultado, en Ourense, onde había dúbidas sobre un posible escano en xogo entre PP e PSdeG, non se produce un cambio de escanos tras o cómputo do voto emigrante.
Así, a provincia ourensá computa un total de 1.948 votantes da diáspora (con 23 sufraxios nulos e seis en branco). O partido máis apoiado é o PP (con 1.059 votos), seguido do PSOE (344), En Marea (214) e Cidadáns (C's), con 70. Con 63 votos, o Partido Animalista contra os Malos tratos Animais, sitúase en quinta posición, por diante do BNG (58).
RESTO DE PROVINCIAS
Na Coruña, con 4.035 votantes (11 sufraxios nulos e 55 en branco), o PP é a forza máis apoiada (por 1.888 residentes ausentes), seguida de En Marea (722), PSOE (674), BNG (203), Ciudadanos (164) e Partido Animalista (116).
En Lugo, exerceron o seu dereito a voto un total de 1.270 emigrantes, aínda que 15 sufraxios foron declarados nulos e sete optaron por votar en branco. En total, o PP suma 595 sufraxios fronte aos 288 de PSdeG e 160 de En Marea. Como cuarta forza máis votada sitúase C's (55) e o Partido Animalista (con 46 sufraxios) supera ao BNG (36).
Por último, a Pontevedra chegaron un total de 3.524 votos procedentes do exterior, dos que 24 foron declarados nulos e nove en branco. Tras o PP (con 1.725), os partidos máis apoiados son En Marea (638) e PSdeG (530).
Na provincia pontevedresa, o BNG sitúase como cuarta forza máis votada pola emigración (171), seguida de C's (134) e Partido Animalista (118).
Escribe tu comentario