Tempo morto

Manuel Fernando González Iglesias

Sanchez 4


Se a lea socialista, en lugar de xogarse na sede de Ferraz disputouse no Ramón Magariños, seguramente, os responsables do desaguisado nos dous bandos, pedisen tempo morto para pensar a estratexia máis adecuada e buscar a forma de non esnaquizar ao seu propio partido. Non foi así e esta regra vai ter que aproveitar a Xestora do asturiano Javier Fernández quen, agora mesmo, necesita dese descanso vivificador para ver como salva o minuto de ouro da gobernabilidade e a continuación, como arranxa o desaguisado, que vai provocar un incendio considerable en case todas as agrupacións do Estado se non se actúa inmediatamente.


E mentres tanto, Pedro Sánchez espera acazapado a súa segunda oportunidade, que consiste en presentarse como "salvador das bases" a unhas primarias, que todos sabemos que sempre gaña o aparello. O mesmo aparello que deixou a Edu Madina cos fuciños dunha cuarta e o encumiou a el, a Pedro, na secretaría xeral cos resultados que todos coñecemos. Nesa folla de ruta o ex líder ten anotado en relevo o papel que vai xogar o PSC para axudarlle a lograr o seu propósito, xa que os sociatas cataláns molláronse ata as trancas na triste xornada do sábado, por suposto, sen consultar ás súas bases, por un político que usou a visceralidade do non é non para tapar unha inoperancia absoluta en busca da cohesión interna e no respecto ás ideas dos máis discrepantes pese a que moitos deles lle levantaron o liderado. Iceta e os seus xa saben a tal hora que lla xogan e que o seu prestixio pactista pode quedar mortalmente en dúbida.


O PSOE é un partido moi importante para o equilibrio político deste país. Se quen ostenta o poder na sombra o reduce a unha formación testemuñal, é máis que probable que a colleita que recollan non lles guste en absoluto, xa que detrás dos de Ferraz caerán os de Génova, aburados por un calendario xudicial terrible e unhas sentenzas que non van deixar ao país indiferente. A pregunta que deben facerse é se España debe parecerse a Grecia ou tentar alcanzar a Alemaña algún día e tirar dunha Europa en decadencia. Como non estamos nos mecanismos que manexan os que de verdade mandan, que sexan eles os que se dean a si mesmos a resposta que non debe tardar moito en chegar.


Mentres, nós, sen pretensións, apostamos pola rexeneración da socialdemocracia española, con todos os seus defectos, como gran arma de defensa dos dereitos de moitísima xente e tamén polo xiro cara á decencia dunha dereita civilizada sabiamente centrada e con outros rostros con menos lastre nos próximos carteis electorais. Ambas as cousas, antóllansenos imprescindibles para saír definitivamente da crise e, sobre todo, para aspirar a un futuro mellor.


De momento, concedámosle un xeneroso "tempo morto" á nova xestora do PSOE. 


Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE