Urbaser, vendida a un grupo chino
É a maior concesionaria de servizos públicos de Galicia e pertencía a ACS, o grupo que preside Florentino Pérez. A operación ascende a 1.400 millóns.
ACS vendeu Urbaser, a súa filial de servizos de limpeza viaria e recollida e tratamento de residuos, a Firion Investments, firma controlada por un grupo chinés, por un importe que oscilará entre 1.164 e 1.399 millóns de euros, segundo anunciou a compañía.
Urbaser é a maior concesionaria de servizos públicos de Galicia con 1.000 empregados. Xestiona a limpeza urbana, os residuos ou a auga de numerosos concellos galegos, incluídos Ferrol, A Coruña ou Lugo.
O grupo que preside Florentino Pérez logrará unha plusvalía de entre 325 e 560 millóns de euros con esta operación, cuxo peche está pendente de lograr as pertinentes autorizacións.
En virtude dos termos acordados para a operación, a filial de ACS valorouse en entre 2.212 e 2.463 millóns, importe que inclúe a débeda da empresa.
Urbaser, sobre a que o grupo tiña colgado o cartel de 'véndese' desde hai case un ano, é unha das compañías que este pasado verán lograron parte do contrato do servizo de recollida de lixos de Madrid.
Ademais de en España, a compañía ten unha destacada actividade en Francia, onde conta con varios contratos de limpeza e recollida de lixos do centro de París, e en Reino Unido. Tamén ten contratos no Norte de África, México, Chile e Arxentina.
Urbaser conta cun persoal duns 28.000 traballadores e presentaba unha carteira de contratos por valor duns 8.500 millóns de euros e unha facturación duns 1.650 millóns de euros ao peche do exercicio 2014, segundo os últimos datos facilitados prol a empresa.
Escribe tu comentario