Hoxe toca escribir sobre Galicia. Sempre que o fago folleo un poema dun vello e admirado amigo do que este ano se lembrou, por fin! a moi Real Academia Galega da Lingua. Falo, naturalmente, do poeta da Terra Chá, o gran, enorme e inmortal, Manuel María.
Hai uns anos, durante a Transición, esta moi sinxela e boa persoa, poñía voz desde Monforte, o vila do meu pai, ás noticias que cada semana, con moita paciencia e mellor criterio, recompilaba sobre esa Galicia da que non falaban os xornais da época, nun programa de radio que en galego crearamos en Radio Miramar de Barcelona e que saía en antena ás 11 en punto da mañá de cada domingo. Un día destes escribireille un libro á miña neta para que o garde para a posteridade.
Daquela época veume o trato continuado con quen escribiu un dos libros máis marabillosos que podemos lerlle aos nosos nenos e que a quen escribe estas liñas lle segue a emocionar profundamente: ‘Os soños na gaiola’.
Galicia somos nós:
a xente e mais a fala,
se buscas a Galicia
En ti tes que atopala!
O domingo esa xente que tanto quería Manuel María, toda esa xente, a maioría xa moi maior , unha vez máis! vai ás urnas. E segundo din as enquisas, vai facelo nunha clave parecida á que "impediu" que Alexandre Bóveda saíra deputado por Ourense noutras eleccións celebradas en tempos da República.
A historia do noso pobo tardou demasiados anos en recuperar a memoria daquel ourensán ao que a barbarie fascista asasinou un 17 de agosto. Non vivimos esa época onde as fraudes electorais estaban á orde do día, pero os políticos galegos de entón ían a Madrid a facer carreira, como agora o fan outros cuxos nomes todos coñecemos, sen que logren que a súa verdadeira patria collera o tren da prosperidade do que gozan outras comunidades históricas desta España de nacións sen Estado.
Así as cousas, e como un non pode votar na terra dos seus devanceiros, só lle queda aceptar desde a diáspora os resultados das urnas con enteireza, respectalos e ser xeneroso no comentario cos seus compatriotas, elixan o que elixan, e volver á pelexa o luns que é 26.
Aínda que sei que, esta vez, a nosa modesta contribución é maior que outros anos, xa que neste 2016 logramos abrir un diario chamado Galiciapress, con redacción en Santiago, coas dificultades que iso supón nos tempos que corren.
Para este editor foi a súa maneira máis galega de poñer o ombreiro para que Galicia chegue a ser o que Castelao albiscou no seu ‘Sempre en Galiza’ e que o meu estrañado Isaac Díaz Pardo nos contaba á miña esposa e máis a min diante dunha cunca de café en Santiago, cando lembraba ao seu pai, tamén asasinado, e ao propio Castelao, ao que de moi novo, segundo nos dicía, recriminaba a súa "moderación galeguista".
Galicia é un sentimento que nace e morre cun mesmo, e iso é unha verdadeira gozada. Por iso, agora que chegou o momento de expresar democraticamente o seu amor pola terra que os viu nacer e na que teñen a sorte de poder vivir, pensen nas futuras xeracións e, por favor, voten Vds. o que de verdade desexarían para Galicia…
E aos das enquisas e aos que as manipulan, que lles dean!
Escribe tu comentario