#Claves de la semana

En Marea referenda a Villares cun 86,8% dos votos

Por provincias, a lista da Coruña é a que ten unha representación máis variada das forzas, mentres a de Lugo está copada por Lugonovo. En paralelo, na de Pontevedra domina Podemos e na de Ourense, Anova.

 


|

Villaresuvas


O deputado de AGE e coportavoz de Anova, Antón Sánchez; a secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos; e Ánxeles Cuña, directora dunha compañía teatral que se presentou xunto con membros de Esquerda Unida, concorrerán ás eleccións galegas como cabezas de lista de En Marea pola Coruña, Pontevedra e Ourense, respectivamente.


Deste xeito, acompañarán ao candidato de En Marea á Presidencia da Xunta, o maxistrado en excedencia Luís Villares, quen se presenta pola provincia de Lugo.


É o resultado dunhas primarias nas que, segundo deu conta en rolda de prensa Javi Vázquez en representación da coordinadora de En Marea, participaron máis de 10.000 persoas (10.143) dun censo de 13.415. Dese total, case o 87 por cento arroupou a Luís Villares para tentar converterse en presidente, e o resto votou en branco.


Por provincias, a lista da Coruña é a que ten unha representación máis variada das forzas que integran o partido instrumental, mentres a de Lugo está copada por Lugonovo. En paralelo, na de Pontevedra domina Podemos e na de Ourense, Anova.


A CORUÑA E PONTEVEDRA


En canto á candidatura coruñesa, a Antón Sánchez séguenlle Luca Chao, membro de Podemos da liña crítica con Carmen Santos; José Manuel Lago, un economista vinculado a Comisións Obreiras; e Magdalena Barahona, a quen a secretaria xeral tratou de impulsar para ser a candidata da formación morada á Presidencia da Xunta.


Por detrás, Pancho Casal (tamén crítico coa liña política de Carmen Santos), Flora Miranda (Anova), Xan Xove e Mariló Candedo (Marea Atlántica), Carlos Palacios (Podemos) e Lorena Dapena (EU).


Na lista pontevedresa, tras Carmen Santos sitúanse Marcos Cal (tamén da formación morada, pero crítico coa súa secretaria xeral), Eva Solla (membro de EU e actualmente deputada autonómica), Juan Merlo (Podemos) e Paula Quinteiro, quen tamén discrepa da liña política da líder do partido de Pablo Iglesias en Galicia.


No número seis aparece Xoán Hermida, de Marea Pontevedra, e por detrás están outros tres membros de Podemos: Julia Torregrosa, Mariano Abalo (exdirigente da UPG e exdiputado do BNG) e Noemí Martínez. Os dous últimos son tamén críticos con Carmen Santos. O número 10 ocúpao Juan Fajardo, de EU, xa con escano a pasada lexislatura.


LUGO E OURENSE


Pola súa banda, na candidatura de Lugo figuran, tras Luís Villares, Paula Vázquez Verao, Víctor Andrés Álvarez e María Isabel García, os tres da marea municipal (Lugonovo).


Tras José Manuel Pérez, 'Josito', de Podemos (liña crítica con Carmen Santos), de novo aparecen dous integrantes de Lugonovo: María Vitoria Esteban e Bernardo Fraga. Natalia Prieto, de Podemos, pecha a lista no posto oito.


Finalmente, na candidatura ourensá, as correccións de xénero (para ter dúas mulleres e dous homes cabezas de lista) relegaron ao alcalde de Manzaneda (Ourense), Davide Rodríguez (Anova), ao segundo lugar tras Ánxeles Cuña.


A continuación, concorren Eva Gutiérrez, tamén de Anova, o exsenador do BNG e exmiembro de Compromiso por Galicia Xosé Manuel Pérez Bouza e Manuela Pérez, de Anova. No sexto posto figura Ares Jiménez, da liña crítica con Carmen Santos; Rita González, de Anova; e Carlos Miguélez, de EU.


"UN PROCESO EXEMPLAR"


Foi "un proceso exemplar", en palabras de Javi Vázquez, quen destacou que a participación na votación superou o 75 por cento.


"Penso que desde o punto de vista técnico-político fixemos historia ao ser capaces de conseguir unha confluencia en pé de igualdade", proclamou, en alusión ao "proceso acelerado de confluencia".


relacionada Esta tarde coñeceranse as listas de En Marea para o 25S
relacionada ​En Marea vota sus candidaturas
Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE