O lume arrasa máis de 900 hectáreas en Galicia
Decretada a Situación 2 no incendio de Soutomaior, que leva queimadas máis de 20 hectáreas. Permanece decretada a Situación 2 no incendio de Cotobade, parroquia de Tenorio, cunha superficie afectada dunhas 365 hectáreas
Desactivada a Situación 2 nos incendios de Mondariz e Caldas de Reis, que afectan a 160 e 290 hectáreas respectivamente. Extinguido o lume rexistrado no concello de Ribeira, parroquia de Carreira, cunha afectación de 81,7 hectáreas.
Acaba de ser decretada a 'situación 2' para o incendio declarado ás catro desta tarde en Soutomaior. Esta situación operativa de emerxencia declárase por proximidade do lume a núcleos habitados, neste caso no lugar de San Martiño de Ventosela, xa no concello de Redondela.
Segundo estimacións provisionais, a superficie afectada por este lume supera as 20 hectáreas. Neste momento o foco segue activo e fóra de control.
Nas labores de extinción traballan tres axentes, sete brigadas, nove motobombas, unha pala, catro helicópteros e un avión. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Esta tarde tamén se declarou un incendio no concello coruñés de Cee que calcinou polo momento máis de 20 hectáreas.
O lume iniciouse na parroquia de Ameixenda, dacordo coa información publicada en Facebook por @incendios085.
Permanece decretada a “Situación 2” no incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Cotobade, parroquia de Tenorio, pola proximidade do lume ao lugar de Vilanova. O lume iniciouse ás 17:20 horas do luns e permanece activo polo de agora. Segundo as últimas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 365 hectáreas. No seu control levan traballado 2 técnicos, 19 axentes, 24 brigadas, 10 motobombas, 6 pas, 15 helicópteros e 3 avións. Tamén colaboran efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
Descativada esta mañá a “Situación 2” no incendio forestal rexistrado no concello pontevedrés de Mondariz, parroquia de Queimadelos. O lume comezou ás 22:16 horas da noite e quedou estabilizado ás 10:04 horas desta mañá. Segundo novas estimacións, a superficie afectada é de 160 hectáreas. No lugar levan traballado 2 técnicos, 9 axentes, 24 brigadas, 17 motobombas, 1 pa e 5 helicópteros.
Desactivada tamén a “Situación 2” no incendio forestal localizado no concello pontevedrés de Caldas de Reis, parroquia de Saiar. O lume iniciouse ás 15:51 horas de onte e quedou estabilizado ás 11:45 horas desta mañá. Segundo novas estimacións provisionais, a superficie afectada é de 290 hectáreas. No seu control levan traballado 3 técnicos, 12 axentes, 32 brigadas, 16 motobombas, 2 pas, 1 tractor, 11 helicópteros e 2 avións.
Extinguido desde as 11:00 horas desta mañá o incendio rexistrado no concello coruñés de Ribeira, parroquia de Carreira, tras comezar o luns ás 00:30 horas. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada é de 81,7 hectáreas arboradas, das cales unhas 26 están dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo. Na súa extinción participaron 1 técnico, 14 axentes, 27 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 3 helicópteros e 2 avións
Escribe tu comentario