Podemos marca "liñas vermellas" á marea
Trátase, sobre todo, de "cuestións de programa e de posicionamentos políticos para Galicia". Pero, tamén comezan a falar de nomes de posibles candidatos.
A secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos, destacou que, nos encontros provinciais celebrados este fin de semana, buscou escoitar ás bases para marcar "de forma conxunta" e "participada" as "liñas vermellas" da súa formación para "seguir traballando" no proxecto de En Marea.
En declaracións aos medios antes do inicio do acto en Vigo, Santos explicou que estas "liñas vermellas" sobre todo basearanse en "cuestións de programa e de posicionamentos políticos para Galicia".
Neste escenario, tras insistir en que a decisión final sobre a forma de concorrer ás eleccións autonómicas a terán as bases, a líder de Podemos Galicia asegurou que "o importante" é mellorar "o proxecto e fortalecer a Podemos dentro do espazo político galego".
En concreto, máis de 150 persoas asistiron ao encontro provincial celebrado no Hotel Coia de Vigo, onde traballaron na elaboración colectiva de propostas, que xurdiron de nove grupos de traballo constituídos segundo a metodoloxía exposta para estas xornadas.
Deste xeito, os inscritos da organización na provincia achegaron máis de 120 propostas sobre os catro puntos de debate nos que se estruturou a sesión: como democratizar En Marea, como integrar no proxecto ás mareas municipais e ás plataformas cidadás, as preferencias á hora de configurar as primarias e a elaboración do programa colaborativo.
A rolda de contactos continúa coa celebración da sesión correspondente á provincia de Ourense, que supón o punto e final a esta primeira fase de debate e de participación da militancia.
PROPOSTAS
As propostas recollidas nas catro provincias serán agora recompiladas pola Secretaría de Participación, que as remitirá á Secretaría Política para que sexan sistematizadas. Unha vez que finalice o proceso de análise, serán presentadas nun gran encontro autonómico, con data aínda por determinar.
Tras este encontro, será convocada a Asemblea Cidadá --máximo órgano de decisión do partido conformado por todos os inscritos-- que, de forma telemática, tomará a decisión sobre a forma en que Podemos Galicia concorrerá ás eleccións autonómicas.
ANTONIO CHAVES POSTÚLASE
Na quenda de rogos e preguntas interveu o escritor e exmilitante socialista Antonio Chaves quen anunciou a súa intención de postularse como candidato de Podemos á Presidencia da Xunta "máis aló de se" a formación "chega ou non a acordos de confluncias con outras forzas políticas" para as autonómicas.
Escribe tu comentario