Contas detecta "deficiencias" na contabilidade da Xunta do ano 2014
O órgano fiscalizador reprende o executivo por trasladar gastos ás contas de outros exercicios e por facer habituais as modificacións orzamentarias relacionadas co Sergas.
O Consello de Contas detecta "deficiencias" nas contas da Xunta de 2014, posto que "se deixaron de contraer presupuestariamente obrigas que deberon recoñecerse" por "corresponder a gastos realizados no exercicio", pero "pospoñéndose a súa contabilización" a anos "posteriores".
Así figura na declaración definitiva sobre a Conta Xeral da Comuindad de 2014, feita pública este venres, na que se resume que, aínda que se reflicte "razoablemente a actividade económico-financeira" dese ano obsérvanse "deficiencias", posto que así mesmo ese ano se imputan gastos que "corresponden a exercicios anteriores".
O traballo do órgano fiscalizador foi presentado este venres polo conselleiro maior, José Antonio Redondo López, ao presidente da Cámara, Miguel Santalices, e neste figura que o modo de proceder ao pospoñer os compromisos de gasto entre exercicios "supón o incumprimento do principio de anualidade orzamentaria regulado no artigo 60 da lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia".
Ademais, esta situación provoca que "anualmente parte dos créditos aprobados no exercicio corrente atópense comprometidos por gastos de anos anteriores".
SERGAS
O ditame do Consello de Contas suspende o uso que fai o Sergas sobre as modificacións orzamentarias ao longo de curso económico, e que alcanzaron un importe neto de 327,671 millóns de euros, o que supón un 9,9% do orzamento inicial. "As modificacións orzamentarias deben reducirse estritamente ás necesarias para non desvirtuar o seu carácter excepcional", sinala o informe.
No mesmo documento faise unha mención ao incremento do gasto comprometido ao 31 de decembro para exercicios futuros, fundamentalmente derivado da renovación do concerto con Povisa e dos compromisos do contrato de concesión de obra para a construción e explotación do novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, que "absorben" o 53,5% do total dos compromisos futuros do organismo.
En total, os créditos comprometidos ao peche do exercicio elévanse a 2.694,227 millóns de euros, o que supón un incremento do 39,7% respecto do importe que había o ano anterior. Esta subida xustifícase en gran medida polo novo concerto con Povisa, mentres que o resto dos concertos se amnteñen en vigor "mediante un procedemento excepcional de prórrogas anuais e, por tanto, non se recollen os previsibles compromisos futuros que poden xerar de regularizarse a súa situación".
Escribe tu comentario