# Claves de la semana
A iniciativa arrancará en probas durante a tempada 2016/2017

A Quiniela Galega combinará apostas electrónicas e boletos físicos

O proxecto de creación foi elaborado polo Grupo Gen da Universidade de Vigo

QUINIELAGALEGA

A Federación Galega de Fútbol porá en marcha a Quiniela Galega, “unha iniciativa pioneira en España” coa que os seus promotores pretenden xerar novos recursos para o fútbol galego, máis imaxe de marca e mellor posicionamento dos clubs federados

 

O seu proxecto de creación foi elaborado polo Grupo de Investigación Gen (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo, grupo formado por máis de 50 economistas con base na Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense. 


A quiniela contará cunha aposta semanal sobre 13 partidos, un bote acumulable nun partido adicional (sistema "jackpot") e unha aposta a maiores para os nove primeiros partidos. Cada boleto incluirá nove encontros da categoría Terceira Galega, dous partidos de 1ª Feminina e dous partidos de Rexional. A iniciativa, que combinará o boleto físico coas apostas electrónicas, comezará a funcionar en modo de proba na tempada 2016/17.


A presentación da Quiniela Galega e do estudo sobre o que se basea o proxecto tivo lugar este mércores en Santiago de Compostela nun acto que contou coa participación de Patricio Sánchez, coordinador do Grupo Gen; Jesyca Salgado, investigadora deste grupo, e Rafael Louzán, presidente da Federación Galega de Fútbol (Futgal). Da iniciativa Rafael Louzán subliñou como “é toda unha innovación no mundo do fútbol, que nos permitirá obter recursos, aproveitar os recursos dos que agora mesmo só se benefician as casas de apostas e, o máis importante, poñer ao fútbol galego na vangarda de proxectos pioneiros”.


Cun plan de viabilidade detrás


Segundo se detallou na presentación, a quiniela nace cun estudo previo realizado polo Grupo Gen, que conta con especialistas en economía do deporte como Ángel Barajas. O traballo de investigación e plan de viabilidade da quiniela inclúe un equipo mixto de economistas e expertos lexislativos da Universidade de Vigo formado, ademais de por Patricio Sánchez e Ángel Barajas, por Pablo López, María Pérez e Jesyca Salgado e polos xuristas Javier Rodríguez e Pablo L. Estévez, de JPM Abogados. Eles coordinaron o traballo xunto co presidente da Futgal e Manuel Soage, economista e asesor económico da Federación finado pouco despois de rematar o proxecto.


O estudo de viabilidade da Quiniela Galega inclúe unha análise lexislativa das apostas deportivas en España e en Galicia, unha análise de mercado tanto en España como nos países con maior tradición de apostas deportivas, como Italia, Reino Unido, Alemaña e Francia, e un informe técnico con propostas para desenvolver o proxecto en Galicia ben a través da explotación directa ou dun acordo económico e legal cunha casa privada de apostas deportivas ou ben dun sistema de apostas mutua da Xunta. “Centramos o noso traballo por unha banda na análise da parte legal, das opcións posibles, e por outra no deseño técnico da quiniela para a súa viabilidade”, explican os investigadores ourensáns.


Entre 2,4 e 10,2 millóns de euros anuais en ingresos


A Quiniela Galega lanzará a súa primeira fase na tempada 2016/17, coa parte do traballo dedicada a ensaios e probas reais cos apostantes e sen premios en metálico, coa fixación de prezos e coa creación e rexistro de marca. Nesta primeira fase despregarase o proxecto en toda a súa fase legal e administrativa e porase en marcha unha comunidade virtual que servirá de captación de datos para o lanzamento da aposta. Na tempada 2017/18 comezará a aposta como produto "on line" e boleto físico, para chegar a todos os públicos, e iniciarase o procedemento de recadación e reparto de premios e recursos para o fútbol galego. Segundo as estimacións do Grupo Gen, o sistema pode xerar entre 2,4 e 10,2 millóns de euros anuais en ingresos, en función do prezo que se fixe para o boleto, da súa implantación e do éxito no mercado. O modelo está pensado para actuar directamente sobre o posicionamento das marcas dos clubs galegos e tamén para potenciar o fútbol feminino, que será incluído por vez primeira nun sistema regrado de apostas.


O proxecto, do que os seus promotores sinalan que é “100% galego”, combina as sinerxías das apostas electrónicas, cun crecemento anual do 28%, coas dos boletos físicos, que se ben, indican os promotores da quiniela, “están en tendencia decrecente” atenden ao público non dixital e manteñen un importante nivel de ingresos en Galicia, situado en 16 millóns de euros ao ano. O dobre modelo, sinalaron, “permite acceder a todos os públicos e mellorar a recadación da quiniela e o reparto de premios”. En 2015 as apostas deportivas "on line" en Galicia, apuntaron, recadaron case 120 millóns de euros.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE