Galicia perde case 56 millóns dos fondos europeos para o agro
O Sindicato Labrego Galego 'suspende' á consellaría de Medio Rural por deixar sen executar máis do 6% do PDR 2007-2013.
Galicia executou o 93,73% dos fondos do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) 2007-2013, o que supón deixar de investir máis de 55,9 millóns de euros que estaban dispoñibles, tal e como denuncia o Sindicato Labrego Galego nun comunicado.
O sindicato agrario lamenta que a execición do orzamento estea por baixo da media de España, a pesar de contar cun prazo adicional de dous anos ao período previsto. Cualifica de "inxustificable" esta "perda de cartos", pois son fondos que se destinan á "modernización de explotacións, incorporación da mocidade ás actividades agrogandeiras, ordenación do territorio e melloras na produtividade industrial agroalimentaria e forestal".
O SLG atribúe esta situación ao "desmantelamento da Consellaría de Medio Rural", que abandonou, denuncian, moitas liñas de traballo ou "optou por criterios moi lesivos" para tramitar os expedientes. Tamén lamentan a redución "drástica" de persoal na "maioría" de oficinas agrarias comarcais, nas escolas de capacitación e nos centros de investigación.
Por último, o sindicato prevé "que se volva perder unha cantidade inxente de recursos financeiros no actual PDR 2014-2020".
Escribe tu comentario