A Mesa lanza unha app para valorar o bo ou mal uso da lingua
'A liña do galego' serve tanto para felicitar a empresas e institucións como para denunciar atrancos do día a día no "emprego do galego con normalidade".
A Mesa Pola Normalización Lingüítica lanza a aplicación para dispositivos móbiles 'A liña do galego', na que os galegos poderán "activar cun só clic os seus dereitos lingüísticos" e que permitirá "felicitar ou denunciar" o uso da lingua galega por parte de empresas e institucións.
A nova plataforma electrónica da Mesa foi presentada este mércores en Santiago de Compostela e está xa dispoñible para descarga, tanto para dispositivos Android como para IOS.
O presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, destacou que esta nova aplicación supón "un salto máis" na "defensa da lingua", xa que permitirá que "calquera persoa que teña motivos para felicitar" ou que se sinta "discriminado" por unha empresa ou institución polo uso do galego poderá "denuncialo e visibilizalo inmediatamente".
A aplicación 'A liña do galego' -desenvolvida por Imaxín Software- permite "ampliar" os servizos que brinda A Mesa grazas a "a inmediatez que ofrecen as aplicacións de telefonía móbil" e súmase ao teléfono e ao correo electrónico que a entidade ten abertos desde o ano 2007 para a tramitación de queixas.
REFERENCIAS NEGATIVAS E POSITIVAS
"Ofrecémosllo tanto ás persoas que teñen motivos para felicitar a alguén polo uso do galego como a persoas que se senten discriminadas ou que teñen problemas no seu día a día polo
seu emprego do galego con normalidade", indicou Maceira.
Así, os galegos poderán deixar referencias tanto positivas como negativas sobre negocios e institucións no relativo ao uso da lingua galega, que estarán visibles para o resto de usuarios e se incorparán, de forma inmediata, á base de datos da entidade.
Grazas isto último, A Mesa poderá "comezar de carácter inmediato os trámites necesarios" para denunciar estas prácticas e, deste xeito, "contribuír a que estas situacións se corrixan", co que esperan "multiplicar" o número de trámites que manexa anualmente esta entidade.
"MULTIPLICAR" Os TRÁMITES
Neste sentido, Maceira lembrou que o pasado ano A Mesa tramitou 200 casos dos que "o 90% eran queixas" e anunciou que, no que vai de 2016, xa alcanzaron ese número. "Isto quere dicir que o nivel de conciencia está a aumentar e a xente reivindica moito máis os nosos dereitos lingüísticos", incidiu.
Con todo, Maceira apuntou que "falta moito por mellorar" na defensa do galego e emprazou os galegos para "denunciar e visibilizar" o "desprezo e a exclusión sistemática que padece a lingua galega".
Escribe tu comentario