A metade dos pensionistas non chega ao salario mínimo
UGT avoga por "establecer cotizacións para os equipos tecnolóxicos que substitúen aos traballadores de carne e óso".
O sindicato UGT Galicia alerta que "máis da metade" dos pensionistas galegos reciben prestacións que non alcanzan a contía do salario mínimo interprofesional, á vez que lembrou que "un terzo dos fogares galegos" teñen como sustentador unha persoa maior de 65 anos.
A través dun comunicado, o sindicato sinalou que, en total, as pensións de máis de 250.000 galegos están por baixo de 655,19 euros, un "54,7% do total", 15 puntos máis que a media do conxunto de España.
UGT continuou na súa comparación cos datos dos pensionistas galegos cos do conxunto do Estado. Así, os xubilados galegos que perciben entre 1.000 euros e o salario mínimo representan o 18,4% mentres que en España son o 21,3.
En Galicia, os xubilados que perciben entre 1.000 e 2.000 euros son o 19,6%, oito puntos menos que no total español; e os que cobran mensualidades de máis de 2.000 euros son o 11,7% no conxunto do Estado e o 7,3% na comunidade galega.
SEGURIDADE SOCIAL "DEBILITADA"
O sindicato culpou desta situación á reforma das pensións levada a cabo polo goberno de Mariano Rajoy que "debilitaron intencionadamente" a Seguridade Social na comunidade galega.
Deste xeito, considerou "urxente" revisar as formas de ingreso da Seguridade Social que pasan por "incrementar empregos e salarios estables", así como "establecer cotizacións para os equipos tecnolóxicos que substitúen os traballadores de carne e óso".
Escribe tu comentario